Publicado por : Adycto
22 de maio de 2007
Xornal Aberto xurdíu como un lugar aberto ao debate e no que, a través das colaboracións, poderiamos abrirnos aos pensamentos doutras persoas. Hoxe, un dos nosos lectores decidiu dar un paso máis e escribir un interesantísimo artigo a raíz da noticia de que simpatizantes de Batasuna interrumpisen hoxe o pleno do Concello de San Sebastián. É unha visión distinta do tema, dende o punto de vista da "legalidade" da actual Lei de Partidos, pero creo que servirá para que moitos reflexionemos en profundidade sobre a situación polítíca actual e as súas repercusións nun futuro inmediato. Grazas Iuris76 por este estupendo artigo que espero que anime a máis xente a enviar as súas opinións a Xornal Aberto.
A FIN NON XUTIFICA OS MEDIOS
Estes días estamos a ser testemuñas dun capítulo máis no devenir dunha historia que, na miña opinión, nunca debería ter comezado nunha democracia que se tilda a si mesma como saudable e modélica. Estou a falar da ilegalización das listas de ANV nas eleccións municipais.
A encaixe de camariñas que a Fiscalía do Estado tivo que facer para recusar unhas listas sen proceder a ilegalizar outra formación política, evidencia os perigos que trae consigo unha medida profundamente antidemocrática como é a actual Lei de Partidos.
Vaia por diante o meu máis profundo rexeite do terrorismo e da violencia como medio de acadar obxetivos políticos dentro dun sistema democrático. Pero ese mesmo sistema perde a súa lexitimidade cando procede a privar dos seus dereitos a unha parte, por pequena que sexa, dos seus cidadáns. A Constitución Española de 1978 recolle no seu articulado referente aos dereitos fundamentais o dereito de representación de tódolos cidadans nas institucións. Ese dereito está intimamente relacionado con outro, igualmente importante, como é a liberdade de pensamento, e agora, en palabras do propio Fiscal Xeral do Estado, atopámonos con que a 120.000 cidadáns se lle priva do dereito a votar a opción política que mellor representa os seus intereses e o seu pensamento, sexan os que sexan.
LEI DE PARTIDOS
A Lei de Partidos foi deseñada, ou iso é o que nos quixeron vender, como a única alternativa viable para privar a unha banda terrorista do respaldo económico e institucional que lle proporcionaba un partido político, sobre a base de que ese partido non era senón unha parte do citado grupo terrorista e dos seus fins violentos. Respeto da merma dos dereitos fundamentais derivada da ilegalización dun partido político, asúmese como un custo que debemos asumir na loita contra o terrorismo.
Non estou dacordo con case nada do anterior. Non me parece que debamos asumir unha merma nos nosos dereitos por ningún motivo. A fin non xustifica os medios. Dicir o contrario abre a porta a extrapolacións extremas coma podería ser que a loita por tódolos medios contra o terrorismo xustifica que se actúe en contra da lei, por exemplo mediante o terrorismo de estado, e creo que coincidimos moitos en que iso non ten cabida. Nunha época na que todo o mundo ten de continuo nos beizos as verbas "estado de dereito" deberiamos plantexarnos que neste tema, a salvagarda do estado de dereito obviase mediante unha lei que vulnera os principios reitores de todo o ordeamento xurídico. Destrúe o estado de dereito desde dentro. A este respecto, toda a xente que usa esa frase debería dicila completa, é dicir, que este país é un estado "SOCIAL E DEMOCRÁTICO DE DEREITO". Nesta frase tódos os adxectivos están ao mesmo nivel, sen que poida primar un sobre os outros dous. A lei de partidos destrúe o estado de dereito e nega o calificativo que o antecede e condiciona: "democrático". Xogar coas verbas é perigoso no mundo da política.
Abundando no anterior, tampouco, e isto é o realmente importante, estou dacordo coa xustificación da Lei de Partidos como a única alternativa posible para privar a unha banda de respaldo económico por parte dunha formación política afín. Non é así. O problema de fondo que latexa neste tema é a dificultade de controlar a actividade económica dos partidos políticos. DE TODOS ELES. O feito de que se adique esa actividade a fins ilegais é o mesmo se falamos de terrorismo ou de subvencionar fundacións afíns ou a obter fondos a cambio de favores pólíticos. Son todas elas actividades ilegais. E tirando do fío deste argumento, ocúrreseme que unha adecuada fiscalización, control da actividade económica dos partidos políticos, poría freo a todas estas actividades. Pero o problema é: ¿quen lle pon o cascabel ao gato? ningún partido, e menos que ningún os partidos maioritarios, teñen interese ningún en modificar o clamorosamente opaco e irregular sistema de financiación dos mesmos, porque eles serían os primeiros en notar os seus efectos. Todos o prometen, vai nos seus programas e fan oposición co mesmo, sobre todo cando algún escándalo (filesa, faes ou outros moitos) pon de relieve o mundo que asoma detrás dos sorrintes rostros dos carteis electorais. Pero cando chega o momento ningúen fai nada.
CONCLUSIÓNS
Concluindo: os intereses dos partidos impiden que se poidan adoptar medidas coherentes para que un partido político use os fondos que recibe do estado para fins ilícitos. De maneira que é preferible ilegalizar un partido político e privar dos seus dereitos máis básicos a un sector da cidadanía, que atacar o problema de base e deseñar un sistema transparente de control da actividade económica dos partidos, sen privar a ninguén de ningún dereito fundamental e controlando o fin que se lle dá aos fondos públicos. Pero iso non convén. Non é viable, ao parecer.
A Lei de Partidos é un desatino do que teremos que nos arrepentir durante moito tempo. A súa derogación é imperativa e urxente, porque día a día se manifestan os seus desastrosos efectos. É un instrumento antidemocrático, que por unha banda restrinxe dereitos e por outro destrúe o argumento máis sólido que temos fronte ás opcións violentas, a saber: que as ideas deben debatirse nas institucións por medios democráticos e non mediante a violencia. Sen alternativa política, ¿que opción de discusión lles ofrecemos aos que non pensan coma nos? falar no bar? Non é un cauce para solucionar nada a así se evidencia tódolos días.
Cando un dos poderes do estado mostra a súa incapacidade, os outros deben completar a acción. Se ó executivo só se lle ocurre este despropósito para afrontar un problema, neste caso o xudicial debe tomar cartas no asunto. Paréceme evidente que moitos xuristas comparten o argumento de fondo deste escrito. Está na súa formación. A eles lles corresponde instar a derogación da lei; a pelota está no seu tellado. Se esperamos solucións dos partidos políticos xa estamos a ver o que nos podemos atopar. Porque hoxe é a "esquerda abertzale" mañá podes ser tí.
La verdad es que el artículo está muy bien..ero hasta donde deben llegar las libertades individuales??
Gran artigo. As cousas pódense decir máis altas (no país, en vieiros, na voz, etc) pero non máis claras, a realidade é a que é e, con todo, 120.000 persoas quedarán sen poder escoller a opción política que mellor os representa
Moitas grazas. seméllame importante non esquecer que os dereitos dos que disfrutamos costou moito acadalos, e que non podemos renunciar a eles á primeira de cambio. E, na miña opinión, os dereitos individuais no referente á liberde de pensamento non teñen límite ningún. As ideas non matan, son os actos os que o fan.