- Atrás »
- barreiras arquitectonicas , Galiza , política »
- PASEANDO POR PONTEVEDRA
Publicado por : Adycto
21 de maio de 2007
O pasado sábado estiven dando un paseo por Pontevedra e atopei, mentres o facía, a un rapaz que, dende unha cadeira de rodas, trataba de acceder ao interior dunha cafetería. Tiven que axudalo a entrar e, como o tempo é o único que teño, quedei conversando con el sobre as dificultades diarias coas que se atopa un minusválido cando quere facer, na súa cidade, cousas como ir a unha cafetería, ir ao banco, etc. Este post non debe ser entendido como electoralista e, nin moito menos, como unha crítica expresa a cidade de Pontevedra (que tamén) senón que debe ser entendido como algo común á maioría de cidades galegas. Contábame Ernesto, que así se chamaba o rapaz, que cando un está nunha cadeira de rodas ademais dos problemas saúde ten que lidiar, todos os días, coas barreiras arquitectónicas que lle poñemos os que andamos sen problema. Contábame por exemplo que, para ir ao banco a sacar cartos, ten que pedir axuda, na maioría dos casos, xa que non hai rampas de acceso na maioría das sucursais. Pero non só para ir ao banco. No concello de Pontevedra, por exemplo, é relativamente doado entrar no edificio pero, unha vez dentro, as escaleiras convírtense nun obstáculo insalvable para este cidadán que tería que ter, pero non ten, as mismas posibilidades que outro de acceder aos servizos do seu concello.
Ernesto contaba tamén que, un día, quixo ir ata a delegación da Consellería de Pesca na cidade para solicitar uns permisos e, cando chegou alá, viu con desesperación como unha escaleiras impedíanlle facer as cousas pola súa conta, sen pedir axuda. Mais duro é o de ter gañas de mexar e non poder. Segundo Ernesto, en Pontevedra son moi poucos os bares, cafeterías e pubs que teñen baños adaptados ás cadeiras de rodas e que, non é a primeira vez, que se sinte como un cidadán de segunda ao non poder "mexar" pola súa conta. Como contaba Ernesto, non é difícil solventar estes e outros problemas cos que se atopan os minusválidos nas nosas cidades, só hai que pensar neles cando se fan as cousas. Como dicía ao principio deste post, esto non é unha crítica a cidade de Pontevedra, que tamén, senón a todas as cidades galegas. Pense vostede na súa cidade e sitúese diante do concello. Pense en que leva unha cadeira de rodas e trate de ir ao banco máis próximo a por cartos, a cafetería máis próxima a tomar unha caña e mexar ou a unha tenda calquera a por roupa. ¿Pode facelo?
Por certo, se queredes saber mais sobre as barreiras que teñen na Galiza os discapacitados podedes visitar a web de COGAMI.
Publicar un comentario