Fevereiro 17, 2012

DE CAFÉS CON MURAKAMI


Hoxe non imos falar de política, nin de relixión, nin de fútbol. Hoxe imos falar, alomenos un ratiño, sobre literatura. Ou como diría Paco Umbral: "He venido a hablar de mi libro". Pero non. Non deixedes que os confunda. Non vou a falar sobre un libro escrito por algún dos redactores de Xornal Aberto. Imos falar sobre un libro que está a cambiarnos a todos os integrantes de Xornal Aberto. Trátase do libro "Kafka en la Orilla" de Haruki Murakami.

Pero imos comenzar polo principio. Hai uns meses, un dos moitos redactores cos que conta Xornal Aberto, atopábase esperando por un cortado con leite fría nun dos moitos rincóns de sabiduría popular cos que conta Compostela, e que a xente popularmente coñece como tabernas ou tascas. A espera por un café nun deste locais sempre é longa, se fora un sol e sombra estaría servido en 10 segundos, pero sendo un café...Para facer máis amena a espera, o redactor decidiu sair fora a botar un pito e, xusto ao sair pola porta, tropezou cunha rapaza que, nese mismo intre, pasaba pola beirarúa...A rapaza levaba varias carpetas nas mans e tamén un libro. Todo saiu polo aire e, no momento de recoller as cousas do chan, o noso redactor atopouse cun libro nas máns cun nome imposible: "La caza del carnero salvaje". Tras a pertinente petición de excusas polo encontronazo, o noso redactor devolveulle o libro á rapaza e concentrouse de novo en prender o pito que tiña pensado botar esperando polo seu café....

Xa na redacción, o compañeiro contounos o do libro e o seu título, que non podía borrar na cabeza e nós, como bo equipo de xornalistas de investigacións que somos, decidimos buscar en San Google. Alí aprendimos que o libro era de Haruki Murakami e, tras ler un par de webs sobre o tema, descubrimos que había tamén unha especie de fenómeno chamado murakamismo, que está composto por todos aqueles que admiran o traballo deste escritor xaponés.

Como non podía ser doutro xeito, comenzamos a ler o libro na redacción. A todos gustounos moito e descubrimos en Murakami a un escritor xenial cun dominio absoluto dos conceptos da escrita, a narración, as metáforas,...Impresionounos profundamente. Una vez lido o do "Carneiro" decidimos pasar a outras obras de Murakami. Lemos entón "Tokio Blues" e Murakami namorounos de todo. O libro é moi bo e ademais permite apreciar que Murakami non é tanto o que escribe, que si, senón tamén como o fai.

Pero cando empezas a descubrir un autor, e cando ademais segues un orde de lectura da súa obra escollido ao azar, sempre agardas por ese libro malo. Ese libro que converte ao autor en humán e che deixa mal pouso. Dispostos a atopar ese libro, decidímonos por ler un cun título do máis suxerente : "Kafka en la Orilla". Aínda o estou a ler,vou pola metade máis ou menos, pero está sendo unha das experiencias literarias máis fascinantes que tiven nos últimos cinco ou dez anos. O libro é excelente. A historia é maravillosa. O nivel de escrita de Murakami impresionante. A súa capacidade para a metáfora maxistral......

Por isto non podimo menos que falarvos del, seguro que os avezados lectores de Xornal Aberto xa o coñecían, e recomendarvos de corazón que o leades....É simplemente fantástico!!!

Janeiro 24, 2012

O FIN DA BOINA


Para os máis novos, as correntes ideolóxicas do Partido Popular en Galiza, coñecidas popularmente como "boinas" e "birretes", seguramente serán un misterio pero, hai tan só uns anos, estas mesmas correntes ideolóxicas estiveron a punto de fragmentar o voto da dereita neste noso país. No bando das "boinas", tres persoeiros destacaban por riba de todos: o sempiterno delfín do Fraguismo, Xosé Cuiña; Cacharro Pardo (aínda me lembro de sair por Lugo e pedir un Cacharro Cola para que o camareir@ te servise un ron cacique con coca cola) e o máis grande de todos, polo menos para quen escribe, Xosé Luis Baltar. Pois ben, resulta que o señor Baltar, o home que levaba 22 anos á fronte da primeira empresa en canto a empregados da provincia de Ourense, ou sexa a Deputación Provincial, acaba de presentar esta tarde a súa dimisión no cargo.

Marcha deixando colocado ao seu fillo, coñecido popularmente como Baltarín, como presidente do Partido Popular na provincia de Ourense pero, en resumo, marcha. Dende mañán mesmo seguro que atoparemos artigos, opinións, información e perfís deste cacique ourensán, nas páxinas dos principais xornais galegos pero, polo momento, o que podemos decir é que, coa marcha de Baltar, vaise da política o último grande dese clan da "boina" do que falábamos anteriormente.

Haberá tempo para analizar a súa marcha en detalle e para facer un perfil completo deste home que converteu a carretaxe de votos nun fenómeno de masas e que foi o máis grande exemplo posible de caciquismo democrático, convertido á Deputación de Ourense nunha especie de oficina de emprego do Partido Popular e os seus amigos.

Alcalde entre 1979 e 1995 do pequeno municipio de Nogueira de Ramuín, fíxose coa Deputación Ourensán en 1990, foi senador dende 1993 a 2000 e presidiu o PP de Ourense ata que lle sucedeu o seu fillo, José Manuel Baltar "Baltarín". Marchou sen perder a Deputación de Ourense en todos estes anos e deixou frases, fotos, actitudes, e excentricidades como para facer unha película desas de Jim Carrey.....

Janeiro 16, 2012

A MORTE DE FRAGA


Vaia por diante que a nova da morte de Manuel Fraga non foi algo do que podamos decir que nos colleu a todos por sorpresa. Durante as últimas semáns as noticias sobre a saúde do ex-ministro de Franco e ex-presidente da Xunta non eran boas e, quen máis quen menos, xa tiñamos asumido que Fraga non duraría moito.

Durante estes días haberá seguro que moitas reportaxes en profundidade sobre a vida do "León de Vilalba" nas que se alabará a súa capacidade de traballo, o seu nivel intelectual, a súa condición de Pai da Constitución Española, etc, etc. Ninguén vai a negar agora, ou polo menos non debería, a capacidade que no seu día tuvo Fraga ou o que fixo "progresar" a Galiza (cando estás 16 anos no poder é difícil non facer estradas, centros para maiores, etc). Tampouco se pode negar o feito de que a corrupción, alomenos en primeira persoa, non é algo do que se lle poda acusar ao ex-presidente. Son os seus "puntos fortes" e sobre iso seguro que haberá especiais abondo.

O problema é que, como cando morre calquera outra persoa, parece que non está ben falar dos seus puntos escuros, que no caso de Fraga foron moitos. Por citar algúns e, para que ninguén se esqueza, Fraga tamén é responsable de formar parte dun goberno dictatorial en calidade de ministro (que en calquera outro país suporía quedar excluido da vida política en democracia); da lamentable xestión da crise do Prestige (de caza esa fin de semán co ministro de Fomento do momento, señor Cascos); de meter a Galiza nunha aventura absurda na que todavía andamos chamada Cidade da Cultura; ou de fomentar, aplaudir e apoiar posturas claramente antidemocráticas en Galiza como o carretaxe de votos, a compra de vontades no exterior ou as redes caciquís de Baltar, Cacharro ou Cuiña, entre outros.

Meteuse en moitas outra liortas, sobre todo dialécticas (aínda lembro a súa opinión sobre o matrimonio homosexual) pero tamén políticas e culturais. Proclamouse galeguista despois de perseguir ao noso idioma e cultura dende o ministerio de Información e Turismo, beneficiou á Igrexa canto poido durante a súa vida política a pesares de coñecer perfectamente cal debería ser a súa forma de actuar neste campo; non soubo abandoar a vida pública; etc, etc.

Iso,que hoxe péchase un capítulo importante da vida política española e galega que, para ser sinceiro, preferiría que rematase doutro xeito e noutro tempo. En todo caso non os deixede arrastrar polo que estes día salga na tele e lembrade as outras cousas de Fraga das que estes días se falará menos.