- Atrás »
- ACTRICES E ACTORES CONTRA O LUME
Publicado por : Adycto
10 de agosto de 2006
(Noticia recollida dende Vieiros) Un colectivo de actrices e actores galegos, entre os que se atopan Luis Tosar, Flor Maceiras, Vítor Fábregas, Marcos Correa ou Yolanda Muíños, entre outros, leron onte en Compostela un manifesto "diante da barbarie destrutora do lume que asola o noso país". Os actores fan un chamamento á cidadanía a loitar contra a vaga de incendios e póñense ao dispor de goberno e cidadáns para prestaren "colaboración desinteresada" frente ás iniciativas que se artellen.
A necesidade de amosar as súas intencións contra a vaga de incendios que afoga o país levou a Luís Tosar, Ricardo de Barreiro, Yolanda Muíños, Flor Maceiras, Vítor Fábregas, Xavier Estévez, Marco Aurelio González, Marcos Correa, Mabel Rivera, Camila Bossa e Luis Zahera, a xuntárense arredor e contra os lumes. A primeira acción que realizou este colectivo foi a publicación dun manifesto no que piden o cesamento dos incendios en Galiza.Polo momento esta é a súa primeira actividade como colectivo, iniciativa que "non ten que ver con Nunca Máis nin con ningún partido político" senón que parte da conciencia cidadá dos asinantes e "diante da impotencia de non poder acudir apagar os lumes" porque iso llo hai que deixar aos profesionais, afirmou Tosar.
O punto no que incidiron maiormente os artistas implicados foi o de manifestar a súa "colaboración desinteresada" para levar adiante calquera traballo para sofocar o lume, pero, e sobre todo, "para a súa prevención cando non os padezamos", afirmaron. Isto fixérono extensivo á idea de que a cidadanía non esqueza os lumes cando chova e volva mirar o monte desde perto e "non como un espectáculo de fogos de artificio que se ve na televisión", afirmou Ricardo de Barreiro.
Segundo Luis Tosar, que falou no nome dos demais asinantes, "este desastre non é só ambiental, senón de impotencia". Por iso, os que decidiron sumarse á convocatoria fixérono coa intención de "dar a cara e facernos eco da sensación popular". Logo, Flor Maceiras leu o manifesto que elaboraron, texto que expresa "a solidariedade das actrices e actores galegos" coas persoas que están a padecer os efectos do lume de xeito directo. Ademais, quixeron facer pública a súa condena á vaga de incendios, expresaron o desexo de que a poboación se conciencie co problema e instárona a "estar alerta" diante de calquera tipo de actividade relacionada coa queima.
Ten que ver...http://www.vieiros.com/nova.php?Ed=1&id=51902