- Atrás »
- ACTRICES E ACTORES CONTRA O LUME
Publicado por : Adycto
10 de agosto de 2006

A necesidade de amosar as súas intencións contra a vaga de incendios que afoga o país levou a Luís Tosar, Ricardo de Barreiro, Yolanda Muíños, Flor Maceiras, Vítor Fábregas, Xavier Estévez, Marco Aurelio González, Marcos Correa, Mabel Rivera, Camila Bossa e Luis Zahera, a xuntárense arredor e contra os lumes. A primeira acción que realizou este colectivo foi a publicación dun manifesto no que piden o cesamento dos incendios en Galiza.Polo momento esta é a súa primeira actividade como colectivo, iniciativa que "non ten que ver con Nunca Máis nin con ningún partido político" senón que parte da conciencia cidadá dos asinantes e "diante da impotencia de non poder acudir apagar os lumes" porque iso llo hai que deixar aos profesionais, afirmou Tosar.
O punto no que incidiron maiormente os artistas implicados foi o de manifestar a súa "colaboración desinteresada" para levar adiante calquera traballo para sofocar o lume, pero, e sobre todo, "para a súa prevención cando non os padezamos", afirmaron. Isto fixérono extensivo á idea de que a cidadanía non esqueza os lumes cando chova e volva mirar o monte desde perto e "non como un espectáculo de fogos de artificio que se ve na televisión", afirmou Ricardo de Barreiro.
Segundo Luis Tosar, que falou no nome dos demais asinantes, "este desastre non é só ambiental, senón de impotencia". Por iso, os que decidiron sumarse á convocatoria fixérono coa intención de "dar a cara e facernos eco da sensación popular". Logo, Flor Maceiras leu o manifesto que elaboraron, texto que expresa "a solidariedade das actrices e actores galegos" coas persoas que están a padecer os efectos do lume de xeito directo. Ademais, quixeron facer pública a súa condena á vaga de incendios, expresaron o desexo de que a poboación se conciencie co problema e instárona a "estar alerta" diante de calquera tipo de actividade relacionada coa queima.
Ten que ver...http://www.vieiros.com/nova.php?Ed=1&id=51902