Publicado por : Adycto 25 de febreiro de 2014

Sempre fomos máis de mollarnos baixo os chaparróns que de tratar de evitalos. Nunca gustamos de andar con paraugas e, aínda que preferimos camiñar baixo os soportais, ás veces non atopamos un lugar no que resgardarnos e, inevitablemente, acabamos empapados

Nunca sentimos que tiveramos algo que perder e, se cadra por iso, en todos estes anos de chaparróns e tormentas colleitamos unha fermosa colección de molladuras que, de seren Joaquín Sabina, serían agora once temas nun álbum de culto.

Moito antes de que chegara esa moda das apostas e das partidas de póker pola internet, nós xa facíamos "all in" á noite compostelán, de mércores a sábado, nos tempos de Universidade. Pero non buscabamos gañar, senón a duras penas correr. Deses tempos de correr como tolos gardamos moitas boas historias para contar nas ceas, algúns bos amigos e unha morea de molladuras pero, por riba de todo, a sensación de non deixar pasar, nin unha soa vez, a tentación de facer algo. 

Logo de tanto correr e caer en tentacións decidimos parar e facer outra vida. Unha desas de seguridade. Conseguimos un bo traballo, metímonos nun piso e deixamos case que todos os vicios...Durou poco, para que negalo, e foi como esa calma que precede á tempestade da que tanto falan as cancións, bonita ao seu xeito pero cargada de tensión.

Un día de fináis do outono, deses soleados e cheos dun frío que as luvas non poden deter, todo mudou. E como moitas outras veces dende a chegada dos móviles ás nosas vidas, foi unha chamada a que desencadeou todo. Apenas durou un minuto pero, cando colgamos, xa comprendiamos completamente iso de "non o entendes ata que o vives". 

Foi a primeira vez na vida que mirabamos aos ollos á Parca. E a súa presentación non puido ser máis contundente. Veu sen notifiación previa, sen cartas de presentacións nin saúdos protocolarios. Despois de coñecela pasamos tres días, e logo tres veces tres meses, de frases feitas e de tristura a diario. Incluso chegamos a pensar, ilusos de nós, que aquilo era o que a xente chamaba "madurar".

Logo dun tempo, e sen saber aínda moi ben o motivo, cansamos da vida segura, do traballo, do piso e da vida sen vicios e decidimos voltar a mollarnos de novo. E voltamos a correr, e voltamos a aprender, e voltamos a esquencer. E sobre todo, voltamos a mollarnos...Está claro que algúns nacemos para mollarnos baixo un chaparrón e outros non.


Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -