Publicado por : Adycto 13 de setembro de 2013

Como tratamos de explicar a través destas Crónicas da Emigración son moitas as diferenzas que atopamos entre o Scottish Way of Life e o Galiza Style. Conducen polo lado contrario, miden o peso en libras, pasan do euro, comen a horas absurdas, levan moitos tatoos, hai moitas igrexas de distintas confesións, non seguen o sistema métrico decimal,...Pero sen dúbida unha das cousas que máis chamou a nosa atención é a aposta clara que fan pola enerxía eléctrica nas casas. Todo nas casas é eléctrico -polo menos nas que nos estivemos- e ademais, como non podía ser doutro xeito, utilizan unha voltaxe e un tipo de enchufe distinto ao que estamos acostumados na Galiza.



Cando chegamos por primeira vez a nosa casa en Dumfries unha das cousas que máis chamou a nosa atención foron os enchufes que había pola casa. Todos son iguais aos que ensinamos na Foto 1 da montaxe que fixemos para ilustrar esta entrada. Os enchufes teñen tres buratos planos e rectos, moi distintos por tanto aos que hai no terruño, e ademais contan cun botón de acendidos/apagado que hai que premer para que a corrente eléctrica chegue ao enchufe. Ademáis, a voltaxe que utilizan é distinta a de Galiza (de 240 voltios a 50 Hz) polo cal é necesario un adaptador (convertidores bipolares) para poder utilizar todos os trebellos electrónicos que levemos a UK cando vaiamos de viaxe. O adaptador en cuestión é fácil de atopar en calquera súper, ferretería, ou inclusive nas tendas do aeroporto e vale £3, máis ou menos.

Do tema da diferencia de voltaxe e da necesidade dun adaptador xa nos falaran antes de emprender a nosa viaxe a terras escocesas así que tampouco foi unha sorpresa moi grande. O do botón en cada enchufe para apagalo ou prendelo xa nos sorprendeu un pouco máis, para que negalo. De feito, co noso paletismo habitual, se cadra tardamos máis da conta en darnos conta da súa utilidade.

O que si chamou a nosa atención foi que todo na nosa casa fose eléctrico. Non temos instalación de gas ou butano así que a cociña e a ducha tamén funcionan por electricidade. O da cociña non é tan común, aínda que moitas das casas nas que estivemos tamén a teñen,  pero o da ducha é un clásico, alomenos en Dumfries. Ademais, para que a cociña e a ducha funcionen hai que activar un botón como o que os ensinamos na foto 4. O "cadro de mandos" de toda esta botonería está na cociña así que, cada día, cando imos totalmente "sobados" a pegarnos a nosa ducha matutina sempre acabamos facendo un paseo ata a cociña para darlle ao botón da ducha. E diredes vos, podedes deixalo prendido todo o día e xa está, xa evitades pasear pola casa de boa mañán. Segundo o que nos di todo o mundo ter acendido todo o día o botón sube moito o consumo así que, como xente responsable que somos, cada día facemos a peregrinación do baño á cociña. Supoñemos que haberá un día en que as nosas cabezas procesen que, antes de ir ao baño, hai que pasar pola cociña pero, polo momento, ese día aínda non chegou.

Seguridade ou non
Supoñemos que todo esto dos botóns nos enchufes e do "cadro de mandos" será por unha cuestión de seguridade pero, polo momento, aínda non atopamos a ninguén que nos confirmase que este era o motivo, ou que simplemente é unha máis das "cousas" que diferenzan estas illas do resto de Europa. 

E dicimos o da preocupacion pola seguridade porque é o único que se nos ocorre para outra das cousas que queremos comentar con vos. Démonos de conta hai só dous días. Resulta que un dos nosos redactores contaba ata hai un par de días cunha tupida barba que causaba admiración entre moitos dos habitantes de Dumfries ( ata aquí non chegou aínda a moda dos barbudos que agora hai en toda España). De feito, a xente achegábase a el para, ou ben comentarlle que a súa barba era xenial ou ben para increparlle que a afeitara. Cansado de tanta admiración, o noso redactor decidiu rebaixala un pouco e, para iso, colleu a coitela eléctrica que trouxo da casa e, co adaptador na mán, entrou no baño disposto a facerse un cambio de look. A sorpresa foi grande cando descubriu que no baño non había enchufe. E non é que fose algo característico da casa. Polo que puidemos comprobar no noso entorno, o de que non haxa enchufes nos baños é algo habitual por estas terras, polo menos en Dumfries. Capítulo aparte merece o chou que montou o redactor para rasurase dende a porta do baño, xa que ata aí chegaba o alargador e o cable da coitela.

E isto foi todo por hoxe. Seguro que hai temas máis interesantes dos que escribir pero isto do sistema eléctrico Scottish chamounos tanto a atención que non adicarlle un post era contrario ao obxectivo destas Crónicas da Emigración, por moi mal que quede este equipo de redactores diante dos nosos avezados lectores.




Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -