Publicado por : Adycto 5 de setembro de 2013

Pasaron xa dúas semanas dende que chegamos a terras escocesas e, case que cada día, seguen a sorprendernos as diferenzas entre as nosas costumes e xeitos de entender a vida e as que teñen os habitantes deste fermoso lugar chamado Dumfries. Durante os últimos sete días tivemos que tratar con diferentes administracións, tanto locais como estatais, e descubrimos que, como non podía ser doutro xeito, as cousas funcionan de forma diferente. Nin mellor nin peor, diferente.


Como contabamos no anterior post destas Crónicas da Emigración, o noso primeiro contacto coa administración escocesa foi co tema da recollida do lixo. Tras achegarnos ao Concello e comentarlles, no noso "Inglesnish", como había que facer para poder beneficiarnos do servizo público de recollida respondéronnos que o único requisito era aboar o Council Tax, un imposto mensual de £ 112 que permitiríanos que, cada mércores, os camións recolleran o lixo acumulado no cubo que para tal fin eles deixarían á porta da nosa casa. Co pago deste Council Tax regularizaríamos tamén o uso da agua corrente na casa.

Ademais de tratar coa Administración Local, durante estes días tivemos tamén que atender ao pagamento da "TV Licensing", unha taxa para poder ver a televisión. No UK existe esta fórmula de cobro que "declara ilegal ver ou gravar programas que estean sendo emitidos por TV sen a correspondente licenza", como ben nos fixeron saber a través dunha carta na que conminábannos a pagar as £ 145,50 correspondentes ou ben a recibir a visita dun "Officer" en cumprimento da "Police and Criminal Evidence Act 1984 or Scottish Criminal Law". E iso acojona a calquera. Se non pagas esa licenza es un criminal, así que pagamos. 

Gustaríanos saber, iso si, se aquí todo o mundo paga esta licenza ou si, como sucedería en Spain de existir esta lei, existirían mil e un xeitos (con web do estilo yotampocopagolalicenciadetv.com incluída) para piratear o sinal sen ser detectados. Supoñemos que haberá trucos porque, co tema da Council Tax da que falabamos antes, temos claro que non todo o mundo paga. Máis que nada porque xa vimos a moita xente tirando, co coche en marcha, bolsas de lixo nos descampados e supoñemos que será para evitar o pago da taxa de recollida, e non porque sexan uns porcos redomados.

Pero non todo é pagar en Scotland. As nosas relacións coa Administración Local tamén serviron para que, a vindeira semana, a redacción de Xornal Aberto ao completo poda comezar as súas clases de inglés gratuítas. O caso foi que, durante a visita ao Concello polo do Council Tax, comentámoslle ao funcionario que queriamos "perfeccionar" o noso inglés (con un par) e comentáronnos que teñen permanentemente en marcha grupos de ensino da lingua de Shakespeare para estranxeiros a custo cero. Chámanlle ESSOL english classes e a nós enchéronnos de ledicia, entre outras cousas, porque eran de gratis.

Cousas de Saúde
Ademais de tratar coas diferentes administracións, durante os últimos sete días, seguimos tratando de coñecer o mellor posible a nosa cidade de acollida, así como os usos e costumes dos seus habitantes. A nosa profunda observación do entorno, carente en todo caso do máis mínimo rigor científico, levounos a un par de conclusións sobre o estilo de vida dos escoceses que non queremos deixar de comentar.

Para empezar, sorprendeunos moito o número de persoas con problemas de obesidade. No que levamos por Dumfries, apenas quince días, vimos moitísimas máis persoas obesas que nos últimos 15 anos en Santiago D.C. Se temos en conta ademais a diferenza poboacional entre unha Vila e outra (30.000 vs 95.000) o tema é todavía máis escandaloso. Pode ser que a diferenza estea en que en Compostela non saian da casa e aquí si pero, realmente, estamos abraiados co tema. De feito, como bos "paletos" que somos, temos que recoñecer que, ata chegar a Dumfries, nunca tiñamos visto a persoas que, pola súa gordura, tivesen que ir montados nunha especie de "motoreta" especial. En Dumfries, cada día vemos alomenos a unha ou dúas persoas subidas a estas motoretas. De feito, como podedes ver na foto, é tan habitual o seu uso que incluso no súper teñen algunha para o uso dos seus clientes.

Xa para ir rematando queremos falarvos doutra cousa, tamén negativa por certo, que chamounos moito a atención: o tema da Saúde dental dos Scottish. Sorprende moito o número de persoas maiores de 45 anos que aínda teñen todos os dentes. Son moi poucos. De feito, o que realmente chamou a nosa atención non é que a partir de certa idade perdan os dentes senón a súa "despreocupación" por substituír as pezas perdidas. Ao mellor é que os dentistas son carísimos, non sabemos, pero é impresionante. No caso dos maiores de 65 o tema é todavía máis escandaloso.

Vaia por diante que esto non son máis que as observacións a pé de rúa dun grupo de desocupados redactores que, por estar en periodo cuasi vacacional, decidiron non pasar o traballo de buscar estatísticas sobre obesidade ou Saúde dental en Scotland que puidesen confirmar ou mandar ao traste o exposto sobre o tema.

Para a semana que ven prometemos falar de diferenzas máis agradables entre Galiza e Scotland. De feito, imos dedicar a fin de semana a investigar en profundidade o tema do que queremos falar no próximo post: os pubs e a noite escocesa. 



Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -