Publicado por : Adycto 23 de agosto de 2013

Levamos menos dunha semana en Scotland e xa son moitas as cousas que temos para contar...
Pero antes de comezar a falar sobre elas queremos iniciar estas Crónicas da Emigración cun pequeno "aviso a navegantes" ou, máis ben, un "aviso a viaxeiros". Para todos aqueles que queirades vir ata Scotland dende Galiza e pensedes facelo vía Santiago-Dublín-Glasgow con Aer Lingus, a opción máis  económica que atopamos, está ben que saibades que o voo entre Dublín e Glasgow é nun avión de hélices. É un voo corto e, segundo todos os "expertos" que puidemos consultar vía smartphone nos momentos previos a subir nel, é moito máis seguro cun avión "convencional". Aínda así, parécenos de recibo dar este aviso porque seguro que así evitaredes poñer esa cara de parvo que algún de nós puxo cando, arrastrando a nosa equipaxe de man pola pista, chegamos ata as "miniescaleiras" que nos subían ata o interior do aparello.


Unha vez aterrados en Glasgow e, como xa era un pouco tarde para coller un transporte publico, decidimos alugar un coche para achegarnos ata Dumfries (con acento na "i"), lugar elixido para situar o noso campamento base en terras escocesas. Esa viaxe en coche demostrounos un par de cousas que xa intuíamos: 1) O inglés que aprendimos na escola non se parece en nada ao idioma que falan aquí, e 2) O de conducir polo lado contrario, que parece fácil, convértese nun pesadelo ante calquera cruce, rotonda, adiantamento...Con todo, chegamos a Dumfries sen maior contratempo e, tras dar un par de voltas de máis, por fin atopamos a nosa nova residencia: Lockerbie Road, 41.

Nos días seguintes á nosa chegada fixemos o que calquera que dispoña de tempo libre en terra estraña: "patear" a vila, entrar en canto museo gratuíto atopamos e, como non, gozar dos moitos encantos dos pubs locais. Pero como non vimos a Scotland de turismo, senón a vivir unha boa tempada (alomenos 6 meses), tamén tivemos que afrontar unha serie de "complicados" retos ( facer a compra, coller o bus, tirar o lixo,...) que nos serviron para darnos de conta das moitas sutís diferenzas que existen entre Dumfries ( con acento na "i") e Santiago D.C., e das que trataremos de darvos conta nestas Crónicas da Emigración.

Un Pouco de Historia
Parécenos importante falar un pouco de Dumfries antes de comezar, por iso de situarnos. A vila conta con pouco máis de 30.000 habitantes e atópase ao sur de Scotland, a poucos quilómetros ( perdón, millas) da fronteira con England. Conta con Universidade ( nela riranse moito de nós cando en setembro iniciemos os necesarios cursos de inglés) e crece á beira do río Nith. Parece ser que os romanos, durante a súa invasión de Britania, asentáronse xa en Dumfries e a vila tivo un papel importante durante a revolta que William Wallace encabezou contra Edward I, a comezos do século XIV, e da que todos sabemos grazas a Braveheart. 

Hai moitos personaxes históricos vencellados a esta fermosa vila pero, entre todos, merece especial atención o National Poet of Scotland, Robert Burns, que pasou os seus derradeiros 8 anos de vida en Dumfries, cidade na que morreu. Se temos en conta que é considerado o pioneiro do movemento romántico no mundo ( so viviu 37 anos), que foi o autor de Auld Lang Syne, poema que cántase nos países angloparlantes como himno de despedida, e que é unha icona cultural en Scotland, entenderemos perfectamente o culto permanente que a vila rende a tan ilustre persoeiro.

Diferenzas, Habelas Hailas
Xa situados, imos falar un pouco desas cousas que chamaron a nosa atención nestes primeiros días por terras escocesas. O normal sería empezar falando do clima pero, como galegos que somos, tampouco estamos moi sorprendidos. Vale que, polo momento, aínda non vimos o sol e que calor, o que se di calor, tampouco fai, pero nada que non teñamos na Galiza. Iso si, pensando en que estamos a 23 de agosto e a latitude na que estamos, danos que imos ver nevaradas máis dunha vez durante os próximos meses. Os lugareños din que en Scotland, sobre todo en Edinburgh, é normal ver as catro estacións nun só día. A verdade é que, polo que puidemos ver estes días, si que é certo que a climatoloxía cambia moito durante unha mesma xornada pero, polo momento, o verán non o vimos.

Unha das grandes diferenzas que atopamos con Galiza é o xeito que teñen de comer. Non a comida, que merece un capítulo propio, senón as horas ás que o fan. Comen a todas horas. Poden ser as 10 da mañá, as 11, as 12, as 5 da tarde...é igual. Sempre atopas a alguén comendo na rúa. Sentados nun banco da praza, de pé, apoiados contra un muro,...Sempre os ves comer todo tipo de trapalladas, tanto salgadas ( hamburguesas, patacas fritas, fish and chips,...) como doces (pasteis, donuts,...). E non pensedes que pola mañá comen doce e pola tarde salgado. Para nada. Os podes ver as 10 da mañá comendo unha hamburguesa e as 6 da tarde un bo feixe de pasteis....Pasan o día comendo.

Outra cousa que chamounos moito a atención foi o número de barbarías e perruquerías que ten Dumfries. Estamos todos convencidos que hai máis en Dumfries que nas sete cidades galegas xuntas. As hai turcas, indias, británicas,francesas,...De todo tipo e condición pero nun número que a nos resultounos esaxerado.

Tamén hai unha gran cantidade de casas de apostas, algo que xa intuíamos, pero que aínda así chamounos a atención porque nos nosos paseos polo centro da vila vimos máis de 10 o cal, para unha cidade de pouco máis de 30.000 habitantes, pareceunos excesivo. Claro que, despois de contar máis de 40 barbarías e perruquerías, tampouco parece tanto.

Por ultimo, e xa para ir pechando por hoxe, algo que non esperabamos e que custounos bastante resolver. Resulta que, alomenos en Dumfries ( con acento na "i"), non hai contenedores. Non é que estean soterrados ( que xa investigamos) é que non hai. Parece unha parida pero é un problema cando comezas a acumular lixo na casa. De feito, falamos cos veciños porque vimos que eles tiñan un cubo de lixo numerado á porta da súa casa e nós non. Resulta que hai que ir ao Concello e pedirlles, como novo residente, que che deixen un diante do portal para poder botar alí o lixo e que cho recollan pola noite....Agora xa temos cubo aínda que, como imaxinades, a nosa visita ao Concello para reclamar o cubo falando o noso "inglés da Terra Cha" foi bastante imaxinativa...pero iso xa o contaremos outro día...

Por certo, como noutras moitas cidades fóra da Galiza, en Dumfries non teñen persianas nin contraventanas nas casas... E iso si que se bota en falta...


Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -