Publicado por : Adycto 7 de maio de 2013

Estes últimos están a ser días complexos para o actual hóspede de Monte Pío. E todo por unhas fotos do ano 1995 nas que o actual presidente da Xunta aparece nun iate acompañado por Marcial Dorado, no cárcere actualmente por delictos relacionados co narcotráfico.

Non è a primeira vez que unhas fotos nun iate aceleran o pulso dun importante responsable político galego. Xa no ano 2009, no medio da campaña das Autonómicas, o entón vicepresidente da Xunta de Galiza, o nacionalista Anxo Quintana, tivo que afrontar duras críticas por unhas fotos súas -dalgúns anos atrás- nas que aparecía xunto co empresario do sector da construcción Jacinto Rey. Mais recentemente, en abril de 2011, o actual ocupante do Palacio da Moncloa tamén tivo que facer fronte a duras críticas por outras fotos nun barco, esta vez durante un acto do Partido Popular de Galicia (PPdG) no ano 2009. O barco en cuestión era o "Moropa" e pertencía naquel intre ao xefe do clan dos Caneos, Daniel Baúlo Carballo, que cumpría condena por narcotráfico.

Antes de continuar falando sobre os desvelos do señor Feijóo temos que extraer unha dobre primeira conclusión: 1) Aos galegos parece que nos gusta isto das actividades recreativas no mar, o cal ten moito sentido tirando de etnografía. E 2) Se es galego e tes pensado facer carreira política non subas en ningunha embarcación.

Pero imos ao que interesa, ao "DoradoGate". Como xa sabedes, a pasada fin de semana e, despois de ter falado co propio Feijóo, o diario El País publicaba unha información titulada "El presidente de la Xunta y el contrabandista" na que facían públicas as fotos anteriormente mencionadas, así como un pequeño repaso da traxectoria de Marcial Dorado e dos seus presuntos vínculos nos anos noventa co actual presidente da Xunta. O presidente respostou rápidamente cun comunicado, o propio día da publicación da noticia, no que avanzaba as súas liñas argumentais de defensa contra esas imaxes.

O seguinte paso que deu o presidente da Xunta foi, a diferencia do "Presidente Plasmado", convocar unha rolda de prensa na que respostaría a tódalas preguntas que estimaran oportuno facerlle os xornalistas. Se cadra foi o seu último acerto na súa defensa. Dicimos isto porque, aínda que a convocatoria parécenos perfecta, as explicacións que deu durante a mesma están sendo o seu particular 'Vía Crucis'.

A comparecencia de Feijóo ante os medios resúmese perfectamente en cinco "cortes" da súa intervención: 1) "20 años después", en alusión ao momento no que foron tomadas as fotos. 2) "Estrategia de amedrentamiento", segundo Feijóo polas súas opinións pero sen precisar quen a estaba a levar a cabo. 3) "Sin relación con Dorado desde 1999", nin falarse nin verse. 4) "Sin ningún contrato", negando calquera vinculación coas empresas de Dorado. 5) "Desconocimiento de sus actividades", que segundo o presidente comezou a coñecer no ano 98 e a partir de ahí "enfriou" a relación.

Aceptando como válida a súa primeira liña argumental, a do tempo que pasou dende que as fotos foron tomadas ata que foron publicadas, o resto demostraron ser un auténtico desastre. Coa do amedrentamento só consegiu desviar a atención un pouco do principal problema -as relacións entre un presidente da Xunta e un narcotraficante- para, cunha calculada ambiguidade, tratar de centralas en quen filtraría as fotos. As outras tres xustificacións esgrimidas por Feijóo son todavía peores.



Cando Feijóo afirmou en rolda de prensa que non falaba nin veía a Dorado dende 1999 non contou con que, ao día seguinte, o xuíz Vázquez Taín, instructor da operación 'South Sea" contra o narcotráfico entre os anos 2001 e 2003, falaría cos medios e contaríalles que durante as escoitas desa operación "creía lembrar" alomenos "unha chamada intervida entre Alberto Núñez Feijóo e Marcial Dorado". Con esto a súa credibilidade comezaba a derrumbarse estrepitosamente.

Tampouco parece un acerto o de negar toda vinculación coas empresas de Dorado, alomenos a tenor da solicitude de investigación realizada polo PSdG en relación a unha posible conexión Feijóo-Dorado no suministro de gasoil para hospitais galegos durante os 90.

En todo caso, alomenos dende o noso punto de vista, o maior erro que cometeu o presidente da Xunta foi o dos seus "problemas de memoria", francamente preocupantes nun home tan novo e con tanta responsabilidade sobre os seu lombo. Durante a xa mencionada rolda de prensa, Feijóo non conseguía lembrar moitas cousas...nin os lugares onde estiveron xuntos ( so lembraba que había neve), nin o tempo que facía que non falaba con el, nin cales eran os verdadeiros negocios de Marcial. Este último lapso de memoria é francamente preocupante porque as hemerotecas están cheas de datos sobre cales eran os negocios de Marcial cando pasaba o tempo de lecer na compaña do actual presidente da Xunta.

Tan so hai que escoitar como reaccionaba o xuíz Vázquez Taín ante os micrófonos da Cadena Ser cando se lle preguntaba se consideraba posible que alguén, entre os anos 1995 e 98, non soubera quen era Marcial Dorado...Directamente bótase a rir.

En resumo, algo que parecía unha simple tormenta de verán pode convertirse, se o barco non se goberna adecuadamente, nun temporal realmente duro que pode causar danos irreparables. Polo momento a imaxe de Feijóo fora da Galiza está mudando, e non precisamente para ben.

PD: Se chegáchedes ata esta nota grazas polo voso interese e desculpade as erratas...Malditos teclados predictivos das tabletas.














Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -