- Atrás »
- PORRA DAS ELECCIÓNS
Publicado por : Adycto
19 de outubro de 2012
Remata xa a campaña, hoxe son os últimos actos dos partidos, e o domingo 2,6 millóns de galeg@s temos cita coas furnas. Ao final, a campaña non estivo tan chea de lixo como a última. Ben é certo que houbo temas polémicos, como os contratos de Alcoa, as novas provintes do Consello de Contas sobre un "trasvase" de facturas dun ano a outro para maquillar as contas das que presume Feijoo, e pouco máis. Foi unha campaña animada na que, a grande sorpresa -para nós non tanto- foi o protagonismo adquirido, día a día, pola proposta de AGE e, sobre todo, polo interese que a figura do profesor Beiras esperta nos medios galegos e na sociedade.
Con todo chega a hora de votar e, se repasamos un pouco as enquisas que ata o de agora saíron á luz, hai unha cousa que parece clara: o Parlamento galego vai contar, alomenos, cunha nova forza política (AGE). Tamén hai outra cousa que parece clara, a abstención vai subir. Se nas pasadas eleccións autónomicas a abstención foi de preto do 35%, as enquisas falan de que pode subir ata 10 punto, achegándose ao 45% do eleitorado. Con estes datos, se o PPdG precisou nas pasadas eleccións máis de 30 votos de cada 100 para chegar á maioría absoluta, neste escenario valeríalle con pouco máis de 20 de cada 100.
Un último dato a ter en conta é o da baixada do voto emigrante que reducíuse nun 80%!! nestas eleccións. Para nós este último dato é moi positivo, non porque favoreza a un ou a outro, senón porque parece que o voto da emigración empeza a parecerse máis -no eido dos requisitos a cumplir- ao que se supón que ten que ser un proceso de votación nunhas eleccións democráticas.
Visto así e, a pesares doutras leituras máis positivas para os partidos da ala esquerda que falan da posibilidade real de cambio de goberno na Galiza, parace que o Feijoo vai a voltar a ser o presidente da Xunta por outros catro anos. Evidentemente, en Xornal Aberto non temos unha bola na que mirar cales van a ser os resultados antes do reconto pero, aínda non sendo adiviños o que somos e valentes e, por iso, atrevémosnos a facer unha porra:
PPdG.......39 deputados
PSdG.......20 deputados
BNG........10 deputados
AGE...........6 deputados
O que queira facer de adiviño xa sabe que en Xornal Aberto ten o sitio apropiado para facer os seus pronósticos....
Publicar un comentario