Publicado por : Adycto 3 de outubro de 2012


Comezamos coas análises da campaña electoral galega antes de que esta se produza. En principio son seis os partidos políticos aos que as enquisas (internas e externas, que a todas chegamos en Xornal Aberto) lles dan opcións de sacar representación parlamentaria. Evidentemente, unhas teñen máis opcións que outras, pero todas aparecen nas diversas enquisas.

En primeiro lugar aparece o PPdG que, a todas luces, vai ser a forza política máis votada nestas eleccións. Xa anunciaron cal vai a ser o seu lema "Galicia primeiro" deixando apartado ese de "Galicia por riba de todo" co que andiveron a voltas en precampaña. Supoño que pensarían que o "por riba de todo" podía dar lugar a chistes fáciles do tipo "por riba dos dereitos dos cidadáns, por riba do paro,.." e cousas polo estilo. En principio a gran dúbida destas eleccións e saber se o seu candidato, o actual presidente da Xunta, chegará ata a maioría absoluta, ata esa maioría que lle permita gobernar en solitario. Se esta mesma pregunta se fixera hai un ano ninguén dubidaría que sería así pero, a estas alturas do partido, as cousas non están tan claras e o PPdG nos din que xa anda pensando en posibles pactos...que algunha posibilidade teñen.

En segundo lugar aparece o PSdG. As guerras internas que viven os socialistas galegos apartáronse pola convocatoria adiantada de Feijoo e así o seu candidato, Pachi Vázquez, puido prescindir para presentarse dunhas temibles primarias que o atormentaban dende hai tempo. A incógnita no caso do PSdG é saber se o candidato mellorará os resultados das últimas autonómicas ou se, pola contra, continuará coa súa caída. Dos resultados de Pachi dependerá o seu futuro como poncio sociata na Galiza. Hai quen xa a está a afiar os coitelos para o 21O dentro do seu partido...Caamañistas e Pepistas, entre outros.

O BNG afronta estas eleccións no medio dunha caída libre que xa dura demasiados anos. Por se isto fora pouco, dous grupos escindíronse da formación frentista e preséntanse a estas eleccións con opcións reais de sacar representación ou, no peor dos casos, coa confirmación de que lle restarán votos ao partido matriz. Levamos anos escoitando que o BNG xa chegou ao seu chan electoral pero, cada proceso electoral ao que se enfronta o Bloque, acaba rebaixando o seu apoi entre os votantes. O Bloque ten un papel compricado pero o resultado do resto de partidos pode facer que, aínda perdendo votos, obteñan un bo resultado electoral.

E logo están o resto. Os outros tres partidos que, aínda sen representación parlamentaria neste momento, van a ser os principais animadores destas incertas eleccións ás que nos enfrontamos todos os galegos.

O que máis opcións ten de sacar representación é Alternativa Galega de Esquerdas, unha coalición electoral na que aúnan esforzos os Anovos de Beiras, EU, Equo e os Ecogalegistas. Todos tiveron que renunciar a cousas para conformar esta alianza electoral pero en Xornal Aberto pensamos que van a ser a gran sorpresa das eleccións, entre outras cousas, porque teñen moi claro o seu obxectivo: plantexar unha alternativa parlamentaria a todo ese descontento coa política tradicional que se pulsa cada día na sociedade. Veremos como afrontan a campaña xa que a súa bisoñez (comparada coa maquinaria de partidos como os citados anteriormente) pode ser que faga que non sexan capaces de chegar a todo o seu potencial target de votantes.

A outra gran sorpresa destas eleccións din que vai ser Mario Conde. Segundo sabemos en Xornal Aberto, algunhas enquisas internas de partido danlle 1 ou 2 deputados e iso os convertiría nunha auténtica chave de goberno para Alberto Núñez Feijoo, a pesares de que durante a campaña o negarán unha e outra vez tanto os uns coma os outros. En Xornal Aberto pensamos, sen embargo, que estes bos resultados que lle dan as enquisas son previos á campaña e que, durante a mesma, o PPdG será capaz de atraer ao seu proxecto eses votos descontentos da dereita. Aínda así, son un factor moi a ter en conta xa que, en distintos ámbitos da política local e nacional española, temos exemplos de persoeiros dificilmente clasificables (Ruiz Mateos, Jesús Gil, ...) que acadaron importantes resultados nas furnas. Mario Conde é, para nós, un deses persoeiros pero, coma non, pode tocar moqueta xa que, como dicían no clásico de Cuerda, "Amanece que no es poco" o votante é veleidoso.

Por último nos queda falar de CXG (Compromiso por Galicia) un partido que parte da escisión máis centrista do Bloque que incorporou ademáis a outros actores da vida política galega como Rafa Cuiña, fillo do que fora delfín do Fraguismo durante moitos anos e omnipotente conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña. Nas enquisas non saen moi ben parados pero, coma a Mario Conde, hai que telos en conta xa que estas eleccións parecen moi abertas... aínda así cremos que tanto SCYD (Mario Conde) como CXG teñen en contra a norma do 5% dos votos...que xa Fraga encargouse de poñer no seu tempo para evitar a entrada de pequenos partidos no Parlamento.
Haberá tempo durante a campaña de facer porras, pero imos esperar porque estamos seguros que o tema da Operación Pokemon ou de Pemex, que agora parecen tan importantes, van quedar relegados a un segundo plano cando chegue o lixo á campaña. Lembremos as últimas autonómicas onde temas menores ata ese momento como os coches de Smallbull (Touriño para os non habituais), o de Galicia-Bilingüe (que xa vimos logo en que quedou) ou a foto de Quintana no iate foron os que decantaron a campaña.




Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -