Publicado por : Adycto 14 de abril de 2009


Lin onte en Vieiros, un deses lugares polo que todos deberiamos pasar diariamente para informarnos, que o país dirixido por Ánxela Merkel acaba de prohibir o cultivo dunha variedade de millo tranxénico que se sementa habitualmente en Galiza. O goberno alemán decidiu pois prohibir o uso do MON 810, o único millo tranxénico autorizado pola Unión Europea, porque, segundo a súa ministra de agricultura, existen "probas suficientes" de que estas colleitas "implican un deterioro no medio ambiente", que afecta especialmente ao ecosistema de bolboretas, xoaniñas e todo tipo de organismos mariños. E non son solo os alemáns; os francese, os luxemburgueses, os gregos, os austríacos e os húngaros tampouco cultivan esta variedade de millo. Italia e Polonia, pola súa banda, manteñen moratorias sobre este cultivo e, namentres en Galiza o cultivamos sen problemas. Dende a Plataforma Galega Antitranxénicos infórmanos de que España é o único país da UE que cultiva transxénicos a gran escala, incluído o MON 810. En 2008 cultiváronse en chan español unhas 80.000 hectáreas de millo modificado con xenes de bacterias, segundo Greenpeace.

Non é que eu sexa un modelo de persoa respetuosa e responsable co medio ambiente. Non son máis ecoloxista que ninguén e, aínda que me costa cambiar certas actitudes e comportamentos do meu día a día para facelos máis "verdes", parvo non son. Non é por ser fatalista pero poucas veces os alemáns andan desencamiñados nestas cousas. Polo de pronto eles fixeron estudos ao respecto do uso deste tipo de millo e, cos resultados na man, tomaron unha decisión. Gustaríame que os responsables autonómicos e estatais na materia comportáranse co mesmo nivel de responsabilidade e fixeran as cousas do mesmo xeito porque así todos descansariamos máis tranquilos. En resumo (como diría meu pai) se os alemáns non o queren no seu campo eu tampouco no noso.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -