Publicado por : Adycto 23 de xaneiro de 2009

Levaba días sen escribir no blog porque, a verdade, as miñas variadas ocupacións non me deixaban nin un minuto libre e, ao chegar a casa, estou tan canso que nin forzas teño para teclear. Hoxe, sen embargo, ademais de ter un minuto libre teño un motivo de peso para escribir: boicotear a Telecinco. Resulta que a Canle Amiga, como eles mesmos denomínanse, adheríuse en xullo do pasado ano ao "Manifesto pola lingua común" que o 23 de xuño de 2008 asinaron diversos intelectuais en Madrid. Telecinco afirma compartir, deste xeito, as esixencias plantexadas por este grupo de "visionarios" entre os que atopamos a xente como Mario Vargas Llosa, Fernando Sabater (non confundir con Leiticia) ou Álvaro Pombo, que piden ao parlamento español que elabore unha normativa para fixar que o castelán sexa a lingua oficial de todo o territorio e a única "cuya comprensión pueda serle supuesta a cualquier efecto a todos los ciudadanos españoles". Telecinco convírtese así na primeira canle de televisión que se adheriu a este manifesto e que, ademais, "pon a disposición deste colectivo a súa canle para dar difusión a este proxecto". E diredes, de que fala agora este se iso foi hai seis meses? Pois nada, que coma eu ando no mundo porque vexo andar, non me enterei ata o de agora da historia (para que vexades como estou de torpe) e, por ese motivo, escribo hoxe sobre o tema (a miña nai di sempre que "nunca es tarde si la dicha es buena")

É ben sinxelo, eu non son un enemigo do castelán, nin moito menos, considero que é unha lingua fermosísima e a quero tanto como ao galego. De feito, algúns dos meus escritores favoritos (Galdós e Cervantes por exemplo) escriben en castelán e eu mesmo fun educado nesta lingua. Pero o que non comparto é que se trate de impor. Por moito que digan na Cope, en Liberdade Dixital ou onde sexa, en Galiza (que é o que eu coñezo) non hai, en ningún caso, unha discriminación para os castelán falantes de ningún tipo. Nin na escola, nin na Universidade, nin na Administración,.... o que pasa é que moitos parece que non comprenden que en Galiza hai dous idiomas e, se queres vivir aquí, é normal que coñezas os dous xa que iso facilitarache a integración nesta sociedade. Ademais, que eu saiba, aprender un idioma non ocupa lugar no cerebro nin fai que olvides outras cousas aprendidas. En fin, que estou farto deste debate. Se eu tivese que marchar a Cataluña a traballar aprendería catalán, e se marchase ao País Vasco trataría de aprender euskera, ..... por que a xente defende o monolingüismo se a pluralidade é riqueza e o coñecemento sabiduría? Non o entendo. En resumo, apagade Telecinco.

Por certo, lede este artigo publicado na Vanguardia no seu día sobre o Manifesto. É moi interesante.

3 Respostas ata o de agora.

  1. Anónimo dí:

    Que vergoña. é realmete incríble o debate artificial que se está a crear sobre o tan cacarexado "problema linguístico". O mais absurdo de todo é que no caso de Galiza, o modelo linguístico que colectivos como "Galicia Bilingue", (con todo o respeto, un conxunto de homes con xersei burberrys atado ó pescozo e mulleres con perlas no mesmo e douscentos animaliños espelexados de abrigo, co logo de certo partido tatuado na fronte)e políticos oportunistas como o señor feijoo, quen por certo aparece bastante envellecido nos carteis electorais da ¿súa? candidatura na arxentina (jejeje),ben pois o modelo en cuestión foi creado polo recoñecido ultranacionalista galego tramontano excluínte españolófobo MANUEL FRAGA IRIBARNE. E agora resulta que o seu sucesor (aquí, non na arxentina, once cal Cid campeador, Fraga gana batallas tras a súa morte política) e os seus acólitos montan este sarao contra esa mesma política, aprovada cando o sr ¿candidato? era vicepresidente da xunta, o cal fai supor que, como mínimo, un vistazo lle debeu de botar entre navallada e navallada pola sucesión do vello.

    Eu fun, coma adycto, educado en castelán, língua que uso e que da que gosto, pero aparte teño a inmensa sorte de que na miña bagaxe cultural o meu país posúa un idioma distinto, fermoso e que é digno dos mesmos recoñecementos, sen excluir a ninguén. Eu non lle vou negar a ninguén a resposta por se dirixir a min en castelán, sendo como é unha lingua fermosa que coñezo e que falo sen problemas. Considero que o contrario é un acto pouco lóxico,e de pouca educación, e que xente poida crear un problema da nada con iso, realmente di moi pouco dos argumentos que esa mesma xente manexa para intentar gobernar Galiza.

    Perdon por me estender tanto. un saúdo

  2. JLMejuto dí:

    Siento una "sana" envidia por los que teneis la suerte de ser bilingües. Cada idioma es un bagaje cultural al que no se debe renunciar jamás, por eso no dejes de defender vuestra condición.
    Yo seguiré leyéndote y para mayor facilidad me he bajado un diccionario Galego - Castelán.
    Joseluis

  3. Toda esa xente que asina eses manifestos non entende o rico que é vivir nun territorio bilingüe. Eu aprendín a valoralo, aínda máis, dende que vivo no estranxeiro. Aquí, en Colombia, pregúntanme decote pola situación lingüística en Galicia. A conclusión xeral adoita ser que vén sendo unha sorte aprender dúas linguas sen decatarse. Mágoa que non fosen 3 ou 4.
    Polo demais, non sei quen esqueceu que as linguas, todas as linguas, son fenómenos políticos, e que a regulación sobre o galego no ensino ou na administración obedece á obriga do Goberno de xestionar ese asunto. E non creo que ninguén estea de acordo con que a lingua dominante en Galicia -o galego, segundo o CIS dos tempos de Aznar, nada sospeitoso de veleidades nacionalistas- non poida ser usado polos administrados ou non poida ser a lingua vehicular na formación dos seus fillos, ¿verdade? Bendito galego, bendito español, e benditas as linguas todas. ¿Por qué resultará tan difícil de comprender?, ¿a quen se lle ocorreu que había xente en Galicia que ten o galego por lingua nai non era capaz de entenderse coa xente de Madrid?, ¿non se fixaron en que en Galicia tamén arrasa Gran Hermano e non está subtitulado?
    CODA: Dende que vivo no estranxeiro, miro as películas en versión orixinal. O cal, acompañado dalgúns esforzos, serviume moito para mellorar o meu inglés. Por certo: unha das cousas que se saben dos españois en Latinoamérica é que falamos fatal inglés. ¿Por qué non se preocupan por iso?, ¿quen lles ha quitar a boina de diante dos ollos? Como diría Milikito: "¡Ay, bendito!".

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -