Publicado por : Adycto 24 de novembro de 2008



Aínda impresionado pola nova normativa aprobada esta mesma mañán polo concello de Benidorm, coa que se prohibirá estar de noite nas praias desta vila con multas de ata 750 euros para quen incumpra a norma, pouso na mesa a taza de café e atendo ao teléfono que levaba un rato soando. Ao outro lado escoito a voz dun vello amigo que, por motivos de traballo, está permanentemente tratando cos funcionarios do Consello de Contas de Galicia e que me chama, unha vez máis, para mostrarme o seu desencanto co traballo do corpo de funcionarios que presta servizo neste noso país. Ata eiquí non hai nada novo. As queixas sobre o traballo desenvolto polo corpo funcionarial son tan recurrentes como falar de futbol os luns nas tascas, facer castelos no aire cada vez que botamos unha primitiva ou falar do tempo cando estamos nun ascensor pero, aínda así, este é un dos temas de conversación favoritos dos galegos e tamén dos españois en xeral e xa grandes plumas, como a de Larra co seu atinado Vuelva usted mañana, deron conta do mesmo en moitas ocasións. Sen embargo, esta vez, a cousa era distinta. O meu amigo, chamémolo Heródoto para non revelar nada sobre a súa indentidade (as mans do funcionariado son longas), estaba dun humor excelente e, en vez de soltar a retahíla de improperios cos que habitualmente califica aos traballadores do Consello de Contas, só me preguntaba unha e outra vez:


-Sabes como lle chaman ao Consello de Contas de Galiza?, Sabes como lle chaman ao Consello de Contas?


Eu, todavía impresionado polo tema de non poder baixar a praia cando che pete (pronto será á rúa) e asombrado co bo humor de Heródoto, só puiden responder que non. El, sen para de rir en ningún momento, farfullaba:


-Marina D`Or, chámanlle Marina D`Or.....A cidade das vacacións!!


Con esta breve historia, real como a vida mesma, que ninguén pense que estou a criticar aos funcionarios, e menos aos do Consello de Contas, Deus me confunda. Pensade simplemente que me río, unha vez máis, coa sabiduría popular deste país que, a verdade, é unha fonte inesgotable de recursos. A cidade das vacacións....
PD: Por certo, aínda que todos o sabedes, sempre hai que respectar aos mestres. A tira cómica que lle da sentido a este post é do gran Forges.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -