Publicado por : Adycto 3 de setembro de 2008

Hoxe levanteime cedo. As vacacións remataron e, como todo fillo de veciño, tiven que erguerme cedo para ir a gañar o pan. O día invitaba a quedarse na cama (chove en Compostela) pero as obrigacións é o que teñen, que che fan sair dos sitios onde estás a gusto para ir a outros onde non o estás tanto. Como todos os que voltamos tralas vacacións (ou case todos) o bo humor escapa de min estes días e non son boa compaña. Digo isto porque durante un par de semanas alomenos é difícil facerme rir e hoxe, na pausa do café, o fixen ata case que afogar coa risa.

Como cada día collín a Voz de Galicia e, tras ler por riba as informacións sobre Galiza e Nacional, adentreime no maravilloso mundo da "Edición Local"· Alí atopeime cun titular que, en principio, non tiña nada de gracioso: "Raxoi busca alternativas ao Gaiás para instalar a antena da rede wimax da zona vella". Resulta que en Compostela o goberno local anda metido dende hai tempo na instalación dunha rede wimax na zona vella que dea acceso a internet aos veciños e que debe estar lista para finais deste ano. Con este obxectivo anda buscando ubicacións para as antenas necesarias para tal fin. Así, unha estará instalada na Facultade de Historia, outra no Monte Pedroso e, unha terceira, pretendíase intalar no monte Gaiás. E digo pretendíase porque para as dúas primeiras hai xa as autorizacións pertinentes pero para a do monte Gaiás parece que hai problemas.

Segundo a concelleira nacionalista Socorro García Conde o concello está a atopar dificultades para obter os permisos necesarios para a instalación desta antena por MOTIVOS DE CARACTER ESTÉTICO. Para a instalación desta antena, ademais dos permisos da Fundación que rexe os desatinos da Estación de Esquí de Santiago (Cidade da Cultura), hai que contar cun "informa favorable do señor Eiseman, e iso é difícil". A tanto ver aparveo. O dito, non parei de rir ata hai un intre. Se o final o mellor vai ser facer o que porpoñen neste video....

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -