Publicado por : Adycto 21 de xullo de 2008


Onte dinme de conta de que durante a fin de semana perdín o dni, un que é como é, e hoxe, aproveitando que tiña algo de tempo fun a que me fixeran outro. A verdade é que tiña escoitado falar moito do dni electrónico e de todo iso pero, para ser sinceiros, teño que dicir que non estaba ao tanto do moito que avanzaran os tempos neste campo. Eu a última vez que o fixera fora á comisaría con un par de fotos e con tempo abondo para facer cola xa que, unha vez que che collían os papeis e que tomaban as pegadas, dábanche un resgardo cutre no que che indicaban o día que tiñas que pasar a por el, que aínda tardaba en chegar. Hoxe, sen embargo, achegueime ata a comisaría e déronme un número co cal me sinalaban á hora que tiña a cita para facer o carnet, no meu caso ás 18:00 horas, e déronme o papel de extravío para que o trouxera cuberto. Achegueime ata a comisaría á hora sinalada e, tras esperar vinte minutos, tocoume o turno. Dinlle as fotos, tomaron a pegada dixital (quedou atrás o tempo da tinta e o klinex) e, en cinco minutos, dérome o meu dni novo, xa conectado ademais para operar con el electronicamente. Quedei abraiado.


Ademais da sorpresa da velocidade coa que me resolveron o problema non puiden resistirme a preguntarlles aos funcionarios un mito que circulaba hai tempo entre a xente: o dos números que hai na parte de atrás do dni e que, según os "conspiranoides", indican o número de persoas que teñen o teu mesmo nome e apelidos. Todo falso. Según a amable funcionaria que me atendeu, é un número informático de control posto de xeito aleatorio.....Nunca se sabe, pero a funcionaria o dixo con tanto convencemento e esbozando tal sonriso ante a pregunta mil veces respondida que convenceume. Para outro día os explico por que se o meu número de carnet empeza por 35 (por exemplo) e o do meu colega, que o fixo un ano despois ca min, empeza polo 72. Tamén llo preguntei pero iso o contaremos outro día, se alguén ten interese en sabelo. Agora marcho que estou xa canso.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -