Publicado por : Adycto 3 de xullo de 2008


Os amantes da fotografía estamos de noraboa. Estes días Galiza conta con dúas exposicións fotográficas dignas de ver, unha na cidade da Coruña e outra en Santiago DC. No caso da cidade herculina o lugar da exposición é Fundación Pedro Barrié da Maza e a exposición poderá comtemplarse dende mañá ata o 14 de setembro. A exposición recolle a primeira retrospectiva que se poderá ver en España sobre o fotógrafo norteamericano Paul Strand. A segunda exposición inaugurouse onte no Auditorio de Galicia e leva por título "Fotógrafos insospeitados. Celebridades detrás das cámaras" e estará en Compostela tamén ata o vindeiro 14 de setembro.

A retrospectiva sobre Strand mostra o principal da obra de deste artísta gráfico que presta especial importancia a todo o relativo aos homes e mulleres «comúns e traballadores», unha «vocación democrática» que «culmina nos retratos, o xénero máis difícil en fotografía, do mesmo xeito que ocorre na pintura», sinalou o comisario da exposición. «Trátase, fundamentalmente, de retratos frontais, de persoas que miran á cámara e que, moitas veces, son conscientes de que están vivindo o seu momento de inmortalidade», detallou o comisario, quen agregou que «hoxe podemos mirarlle á cara grazas a Strand».

A exposición reúne un total de 114 imaxes de todos os períodos da carreira do autor, desde 1915 ata 1976, e está organizada pola Barrié en colaboración coa Aperture Foundation e o Philadelphia Museum of Art, encargado de prestar as instantáneas.Tras a súa exhibición na Coruña, a mostra trasladarase á sede viguesa da Fundación Barrié, onde permanecerá desde o 2 de outubro ata o 11 de xaneiro de 2009.


Santiago DC

No caso da exposición que acolle o Auditorio de Galicia a peculiaridade está en composta por fotografías tomadas por homes e mulleres moi destacados na historia da artes como: René Magritte, Edgar Degas e Pablo Picasso; os directores de cine: Luchino Visconti, Pedro Almodóvar, Carlos Saura, Giuseppe Tornatore e Stanley Kubrick; cantantes famosos como Lou Reed, Bryan Adams, Patti Simith e Graham Nash; actores: Richard Gere, Yul Bryner, Leonard Nimoy e Jeff Bridges; ou os escritores: August Strindberg, Emile Zola, Bruce Chatwin.


É un xeito diferente de ver a fotografía que seguro que apetece visitar.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -