Publicado por : Adycto 14 de agosto de 2007


Despois de varios días sen escribir no blog por motivos alleos a miña vontade atópome de novo fronte ao teclado do meu portatil para tratar de falarvos sobre actualidade. Hoxe hai moitos temas interesantes nos xornais como o publicado polo compañeiros do Pravda no que falan de como a empresa do chofer do señor Louzán vive case que exclusivamente dos contratos asinados coa Deputación de Pontevedra e con concellos onde goberna o PP. Igualmente interesante é a información publicada na Voz de hoxe na que se explica como a CIG entregou á Fiscalía as denuncias sobre a Cidade da Cultura. O tema da Cidade da Cultura é o tema de nunca terminar xa que, a cada pouco, os galegos nos preguntamos onde foron a parar os 373 millóns de euros que entre todos aportamos para construír este esperpento. E mentres tanto, mentres os políticos deciden que facer co monstruo, as instalacións da Xunta quédanse pequenas e xa son máis de 50 as direccións postais que a Administración galega ten na cidade de Santiago. Sen embargo, non estou eiquí para falar destes temas senón para falar de como en Santiago alguén anda á busca de Mary Poppins.



Cando un pasa no paro tempo acostúmase a mirar con detenemento os anuncios por palabras dos xornais. É unha costume que queda prendida nun e, aínda que atopemos traballo, seguimos mirando estes condenados anuncios. Esta mañá, mentres olleaba o Correo Galego, a miña vista parouse nos anuncios por palabras deste xornal santiagués co que regalan o Mundo e descubrín un que, realmente, non se parece aos que habitualmente deambulan por estas seccións. Dicía algo así: "Se busca "Mary Poppins" para hogar gay. Imprescindible buen trato con animales y disponibilidad horaria. Chamar ao....". A verdade é que o anunciou é moi bo e espero que rapidamente atopen os demandantes unha solución acorde coas súas necesidade aínda que o candidato/a non sexa exactamente como a máxica Julie Andrews neste clásico de Walt Disney.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -