Publicado por : Adycto 15 de xuño de 2007


Dende o pasado luns, unha comisión do Parlamento galego traballa co obxectivo de modificar o sistema do voto emigrante e o Censo de Residente Ausentes (CERA), co obxectivo (o eso din) de evitar irregularidades. A Comisión está integrada polos populares Xosé Manuel Castelao Bragaña e Aurelio Miras Portugal, os socialistas Xaquín Fernández Leiceaga e Marisol Soneira e os nacionalistas Iago Tabarés e Carlos Aymerich. Onte, o BNG abandonou esta Comisión despois de constatar que os dous partidos de ámbito estatal tan só pretenden facer pequenas modificacións consitentes en que os emigrantes voten en furna "sempre que sexa posible" e que se depure o actual censo. Parece ser, ou iso penso eu, que os partidos estatais non teñen pensado facer modificacións de verdade no sistema de voto emigrante xa que, segundo os seus calculos, a alternancia no goberno do Estado dos seus partidos permitiríalle, co actual sistema, facerse co voto emigrante de xeito alternativo. Parece claro ademais que, foran cales foran as modificacións que se puidesen realizar, tanto PP como PSOE non están interesados en que estas se realicen antes das eleccións xerais de 2008.


É evidente que o actual sistema de voto emigrante non funciona tal e como está e que obrigar a que a xente vote en furna e a que se actualice e "limpe" o CERA son cousas que hai que facer pero, deixar aí o debate, é unha clara irresponsabilidade. Se o pensamos friamente, deixando de lado intereses electoralistas, ademais destas medidas parece razoable que se creen circunscricións electorais no exterior e que se limite, dalgún xeito, o voto dos residentes ausentes. Esta última medida, que pode parecer contraproducente, lograría paliar inxustizas tan grandes como que un mozo galego que ten que marchar a Canarias a buscarse a vida pero que está perfectamente vencellado a súa terra e que ten como obxectivo voltar a Galiza en canto poida, non pode votar e, sen embargo, un neto de emigrante que xamais estivo en Galiza e que posúe a dobre nacionalidade poda votar sen ningún problema nunhas eleccións autonómicas. Estas, ademais da limpeza dos votos, son cousas que hai que cambiar (ou iso penso eu) e que parece que nin PP nin PSOE están dispostos a arranxar.


A limitación do voto emigrante pode ser unha medida pouco popular ou directamente impopular pero, sexa cal sexa a cor deses votos, eu estou totalmente en contra de que uns "galegos" que, no mellor dos casos, viven dende hai 20 anos noutro país ou que nin tan siquera estiveron aquí nunca (fillos ou netos de emigrantes) podan decidir sobre quen vai a ser o próximo presidente da Xunta de Galiza. Pódese facer toda a demagoxia que se quera ao respecto pero creo que a limitación do voto emigrante é unha necesidade evidente para o noso país. O da "limpeza" do voto, que parece que é o único do que queren falar os dous partidos estatais, é algo que, nun sistema democrático serio, non debería estar discutíndose no ano 2007.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -