Publicado por : Adycto 1 de xuño de 2007


Cando un analiza os resultados electorais do PP en España e escoita ao seu lider, o pontevedrés Mariano Rajoy, falar do mellor resultado electoral da historia do PP nunhas eleccións municipais, non pode deixar de pensar en que, tanto catastrofismo e tanta manifestación, so serviron para que o PP lle gañase ao PSOE por 150.000 votos o que, tendo en conta os resultados de Madrid (Comunidade e Concello), é mais ben pouco. Despois de manifestarse unha e outra vez, de tanto ácido bórico, peritos e titadyn, de ceder á chantaxe de ETA, dos paseos de De Juana, da entrega de Navarra, da ruptura de España, do ataque á Igrexa e, en resumo, de tanto anunciar a apocalipse de España, a diferencia entre uns e outros é de 150.000 votos. Cal será agora a estratexia a seguir pola executiva popular? Máis catastrofismo? Caerá sobre España unha maldición divina por permitir as bodas dos gais? Atoparán dunha vez a fenda pola que se está a romper España? Non sei cal será o camiño que tomen pero, tres anos de catastrofismo non convenceron á cidadanía de que España está a piques da súa destrucción total xa que, a diferencia de votos entre uns e outros, débese máis a incompetencia da executiva socialista en Marid que ao éxito da estratexia mantida polo PP.


Ademais, hai que ter en conta que as eleccións celebradas o pasado 27 de maio non eran unhas eleccións xerais nen unha primeira volta das mesas, como moitos se empeñan en dicir. Eran unhas eleccións para elixir gobernos municipais e autonómicos e non para elixir presidente do goberno. Supoño, polo que me di a experiencia, que a estratexia do PP será a mesma que a mantida ata o de agora xa que, segundo eles, "Madrid anticipa o que sucederá en España" pero creo que un replantexamento das súas posturas daríalle, ao partido liderado por Rajoy, moitos máis réditos electorais dos que lle está a dar o catastrofismo. Eu non penso que España sexa un estado idílico e maravilloso no que todo funcione á perfección pero creo que tampoco é un lugar sombrío e gris onde os inmigrantes violan e matan sen control, o goberno sucumbe ante a Eta e a xente anda a perseguir polas rúas aos curas e ás xentes "sensatas e normais" mentres os terroristas saen da cadea e as folclóricas entran nela.


Non sei cal será a análise dos estrategas pero creo que un pouco de sentido común, do que tanto presumen no PP, viríalle moi ben aos populares. Tampouco lles viría mal, como fixeron na campaña, "alonxar" dos principais escenarios políticos a xente como Acebes e Zaplana que o único que aportan no actual panorama político estatal é miseria e escurantismo. O caso de Aznar, como xa vimos nesta campaña, é moito máis difícil de controlar pero iso é algo co que os populares xa contan, antes de cada contenda electoral.


Por certo, e xa para rematar, o PSOE tamén debería replantexarse moitas cousas da súa actual estratexia electoral porque un fracaso como o de Madrid non pode ser culpa, exclusivamente, dun candidato erróneo senón que ten que ser analizado dun xeito moito más exhaustivo. Lástima que o encargado de facelo, Pepiño Blanco, é moito más dado a mandar balóns fora que a asumir a súa responsabilidade nos fracasos como responsable do partido. Os éxitos sempre son del pero os fracasos son por culpa de outros. Por certo, qué pensades de que un candidato á alcaldía de Madrid como era Miguel Sebastián despois do seu fracaso decida abandonar? É un valente por dimitir ou un cobarde por non querer seguir traballando dende a oposición?

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -