Publicado por : Adycto
26 de marzo de 2007
A semana que hoxe comeza vai ser clave para a futura consecución dun dominio galego en Internet. Como nos contan os responsables da Asociación PuntoGal a través da súa páxina web, unha delegación desta organización se atopa esta semana en Lisboa na 28º Conferencia Internacional Pública da ICANN, que se celebra do 26 ao 30 de marzo. Neste congreso, no que están inscritos arredor de 900 participantes, a delegación de PuntoGal comezará a tramitar a presentación da súa candidatura. O principal obxectivo de asistir a estas xornadas, que pretenden reunir a unha parte significativa da comunidade mundial do desenvolvemento de Internet, é dar a coñecer o proxecto PuntoGal e comezar a tramitar a presentación da candidatura. Nesta reunión, a delegación da Asociación estará en contacto con representantes do ICANN e doutros dominios e encargarase de entregar toda a documentación da candidatura. Permitiralle tamén coñecer o funcionamento interno desta entidade responsable de coordinar o sistema de identificadores únicos de Internet. Neste congreso faranse públicos ademáis os prazos para a presentación de candidaturas así como as condicións requeridas para facelo. Esperamos ter boas novas dende Lisboa ao longo desta semana....
Publicar un comentario