Publicado por : Adycto 15 de marzo de 2007


Hoxe comeza en Xornal Aberto un novo espazo fixo: A Axenda Cultural. Cada semana, tratarei de facer de altofalante para algunhas das moitas actividades culturais que circulan por Galiza, centrándome sempre na fin de semana. Para inaugurar esta sección escollín só algunhas das moitas propostas culturais que esta fin de semana poderemos desfrutar en Galiza. Agradecería, co obxectivo de facer unha axenda o máis completa posible, que os lectores compartisen con todos nos (escribindo ao correo xornalaberto@hotmail.com), as propostas que queiran destacar.


No apartado da música temos moitas opcións. Así, o emblemático grupo compostelano de rock Ruxe Ruxe actúa este sábado, ás 0:00 horas na Sala Dzine de San Saduriño, dentro dos concertos da Rede Galega de Música ao Vivo. Tamén actuarán esta fin de semana os "reinventores do Kutre Lux" coñecidos como Fabulosos Cubatas na Sala 600 de Melide, a eso da 1 da madrugada do venres ao sábado e, cambiando totalmente o estilo, o quinteto galego de música folc Pepe Vaamonde Grupo actuará no xa clásico Aturuxo Bar de Bueu, o venres 16 de marzo, a eso das 21:30 horas. A fin de semana complétase co concerto de Josele Santiago + Ectoplasma na Sala Capitol de Santiago de Compostela, a eso das 21:30 horas deste venres 16 de marzo.


Mais en Xornal Aberto non nos ocupamos só da música, senón que tratamos de ofrecer posibilidades para todos os gustos. Así, se gostades das artes escénicas e estades o sábado 17 perto de Redondela, tedes a opción de acudir ao Multiusos da Xunqueira, a eso das 22:00 horas, e presenciar a posta en escea da obra de Moliére "O burgués fidalgo" feita pola compañía Teatro do Morcego. Tamén o sábado, pero esta vez en Cangas, podedes acudir ao Auditorio Municipal da vila, ás 20:30 horas, a ver a primeira producción propia do Centro Coreográfico Galego: Vacuo.


Se pola contra vos apetece visitar unha exposición, podedes achegarvos ata a Galería Arte e Imaxe da Coruña que acolle a exposición de pinturas e esculturas "Rombos", do artista e fotógrafo da Voz de Galicia, Vítor Mejuto. A mostra Rombos estará aberta ata o próximo 17 de marzo, así que aínda tedes o venres e o sábado para vela. Xa para os máis vagos hai outra opción: visitar a exposición virtual de carteis presentada por Berto Yáñez no espazo de internet www.flickr.com/photos/bertez , na que se amosa unha colección de 876 carteis dos últimos 50 anos.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -