Publicado por : Adycto 14 de febreiro de 2007

Lingu@net Europa

A Secretaría Xeral de Política Linguística ven de presentar hoxe en Santiago un novo espazo en internet, www.xunta.es/linguagalega, que facilitará o uso e aprendizaxe universal da lingua galega, ademais de ofrecer servizos como a posibilidade de galeguizar o nome e os apelidos ou contar cun entorno informático en galego. A web achega unha completa perspectiva da lingua galega hoxe, e facilita o acceso da cidadanía aos servizos da Administración autonómica en materia de lingua. Estrutúrase en tres grandes bloques: Política Lingüística, Vivir en galego e Aprender galego, que achegan, respectivamente, información sobre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e as actividades que promove, sobre a situación e as ferramentas para vivir en galego nos distintos ámbitos da sociedade e sobre as posibilidades de aprendizaxe da nosa lingua tanto en Galicia coma no exterior.


Unha das cousas que non ofrece esta web é Linguanet Europa, un centro multilingüe de recursos en liña que segue os parámetros establecidos polo Marco común europeo de referencia para as linguas.


O consorcio que desenvolveu esta ferramenta está formado por 24 organizacións educativas, culturais e tecnolóxicas, coordinadas polo Centro Nacional Británico para os Idiomas. A lingua galega ofrece nesta plataforma 154 recursos en liña que se unen aos case 4.000 recursos educativos referidos a outros 20 idiomas. Autoaprendizaxe a través de manuais, materiais audiovisuais ou cuestionarios tipo están dispoñibles neste portal, que é de sumo interese para a difusión e a proxección internacional da nosa lingua


Con estas novas ferramentas na rede, a Secretaría Xeral de Política Lingüística contribúe á promoción do galego a través das novas tecnoloxías, en consonancia co Plan xeral de normalización da lingua galega. Aumentar a presenza do galego na internet constitúe unha garantía de futuro e reforza o seu valor de utilidade para a vida actual.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -