Publicado por : Adycto
30 de xaneiro de 2007
Hai tempo que no curruncho dereito deste blog e de moitos outros blos e páxinas web hai un banner de apoio á iniciativa .gal, por un dominio en internet para a lingua e cultura galega. O ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers) é o organismo responsable de asignar os nomes dos dominios en internet, entre outras moitas cousas, e do 26 ó 30 de marzo celebrarase en Lisboa a 28º Conferencia Internacional Pública da organización, na que previsiblemente se abordará a cuestión de cando e baixo qué condicións realizarase a próxima convocatoria de nomes de dominios. A Asociación PuntoGal estará alí para loitar por ese lugar común na rede para todos os galegos e galegas. Por iso é preciso que apoiemos a iniciativa asinando neste enlace e colocando nas nosas webs e blogs os banners de apoio a este iniciativa. A modo de exemplo hai que salientar que o ICANN non aceptou o dominio catalán máis que pola forza dos feitos: a documentación presentada era impecable e detrás da candidatura existía unanimidade social e política.
Como nos contan na web desta asociación sen aínda facer unha semana desde que se iniciou a campaña de procura de apoios individuais para o PuntoGal, son xa máis de 1.500 as persoas que coa súa sinatura apoian a reivindicación dun dominio propio para a lingua e a cultura galegas.
Colectivos, asociacións culturais, empresas, algunha institución, e centos e centos de persoas levan apoiado a iniciativa que defende a Asociación PuntoGal, e o ritmo de chegada de asinaturas non frea. En menos de 7 días, desde o mércores 17 de xaneiro, foron máis de 1.700 as entradas no rexistro de sinaturas individuais.
Esperemos que a Xunta de Galiza e todas as institucións galegas, políticas e sociais, saiban estar á altura das circunstancias. Como ben nos contan na páxina de PuntoGal "Se superamos os filtros, a consecución do .gal servirá para facernos visibles na rede, darlle un espazo propio á nosa cultura e á nosa lingua, posibilitar que as empresas e institucións traballen baixo un dominio que as identifique, aumentar a autoestima, promover o desenvolvemento da Sociedade da Información. Crear unha marca. Un lugar común".
É algo que, tarde ou temprano ocurrirá así que, xa postos, por que non mellor canto antes?