Publicado por : Adycto
8 de novembro de 2006
Por criticar que non quede. Hai tempo que veño falando de que na actual Xunta de Galiza hai bastante descoordinación. Ademais, cada un dos partidos trata de sacar "tallada" da súa estancia no goberno. Un exemplo máis disto é que, no día de onte, a Xunta de Galiza (concretamente a Consellería de Traballo) "presumía" de que o actual conselleiro deste departamento, Ricardo Varela, ía intervir hoxe no Consello de Ministros Extraordinario convocado pola Presidencia Finlandesa para debater a nova proposta de Directiva de Ordenación do Tempo de Traballo. Esta é a primeira vez que un membro da Xunta de Galiza participa de maneira activa nun Consello de Ministros da Unión Europea como representante das autonomías en lugar do ministro. Ademais, dende a Consellería "presumían" (non literalmente) de que utilizaría o galego para falar diante da UE.
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, esta vez a través da páxina web do BNG, afirmaba que vai representar a todas as comunidades autónomas no Consello de Ministros da Unión Europea de educación, xuventude e cultura, que terá lugar o vindeiro 13 de novembro en Bruxelas. Quintana salientaba, a través do comunicado, que vai falar en galego nas súas intervencións, facendo uso do dereito que o avala dende a aprobación do uso das linguas cooficiais por parte da Unión Europea. En resumo, que tanto BNG como PSdG "presumían" de ser os primeiros en falar en galego na UE. E digo eu, tan pouco importante é do que van a falar que o que lles importa e apuntarse o tanto de falar galego?
O PP de Pontevedra, pola súa banda, emitiu hoxe un comunicado no que calificaba de "competencia ridícula" a actuación do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, "para ver quen dos dous falaba primeiro galego na Comisión Europea".
Publicar un comentario