Publicado por : Adycto
3 de outubro de 2006
Nestas meses que faltan para as eleccións municipais de 2007 poderemos ir vendo, se nos fixamos ben, como ao PPdG crécenlle os ananos en moitos concellos galegos. Un dos ananos máis importantes que ten o PPdG é o señor Corcoba que, despois de ser concelleiro desta formación na cidade de A Coruña, decidíu abandonar o partido e concorrer as elección do vindeiro ano cun partido propio. Hoxe, por fin coñecemos o nome do partido "Coruñeses con bos argumentos". A verdade é que o nome non parece moi acertado pero Corcoba asegurou esta mañá que, con esta formación, pensa acadar polo menos cinco concelleiros e inclusive un deputado provincial.
O novo partido, que foi definido por Corcoba como independente e de centro , presentarase oficialmente aos medios de comunicación o próximo 23 de outubro e o 24 se celebrará a "grande festa do partido", aínda que Rodríguez Corcoba adiantou hoxe cales serán as características básicas da formación que contará cunha lista paritaria, con representantes de todas as idades e dos distintos distritos da cidade. Actualmente, 'Coruñeses con bos argumentos' canta xa con 777 afiliados co que se superaron nun 50% as expectativas que tiñan nun principio tal e como sinalou o propio candidato á alcaldía.
Na actualidade o programa inclúe xa máis de 150 ideas concretas para mellorar a vida da cidade. Corcoba salientou que, el e os outros dous concelleiros que abandonaron o PP, presentaron en mes e medio máis de 246 iniciativas no Concello nas que se incluían "argumentos e solucións" para os principais problemas da cidade entre os que sinalou o tráfico, a falta de aparcamentos e a seguridade cidadá. A lista electoral de 'Coruñeses con bos argumentos' presentarase segundo Corcoba a principios de ano mentres que a sede electoral do novo partido se abrirá a finais deste mes.
Na mesma liña de Corcoba, segundo comentou el mesmo, sitúanse os 6 concelleiros de Arteixo que abandonaron o PPdG para formar "Terra Galega". De feito, Rodríguez Corcoba afirmou ten mantido conversas con esta agrupación aínda que, finalmente, preferíu presentarse as eleccións municipais de 2007 como partido independente e crear 'Coruñeses con bos argumentos' aínda que non descartou retomar os contactos nun futuro. Rodríguez Corcoba afirmou que o obxectivo inmediato da súa formación se centra nas eleccións municipais pero que nun futuro buscan chegar a constituír o "grande partido de centro que piden os españois e os galegos en particular".
Moito chollo van a ter Rueda e Feijoo de eiquí a maio. Por certo, se visitades o blog de Corcoba, poderes comprobar que, aínda que non é para gañar un concurso, é moitísimo mellor que o enxendro que ten o PPdG.
Publicar un comentario