Publicado por : Adycto
2 de outubro de 2006
Escribo este post dende a indignación que me producen novas como a cancelación do estreo dunha nova versión da ópera Idomeneo en Alemaña, a pasada crise das caricaturas de Mahoma ou a "suavización" ou supresión dalgunhas tradicións valenciás nas festas de Moros e Cristiáns, que conmemoran a Reconquista e que concluían con actos nos que a cabeza de Mahoma explotaba chea de petardos e o público aplaudía. Ben sei que algunhas destas manifestacións culturais poden molestar a, neste caso, algúns musulmáns pero ¿qué clase de persoas son as ofendidas? Persoas intransixentes que o que tratan de facer é obrigar a todo o mundo a pensar como eles. Os casos comentados son sobre o Islam pero, noutras relixións como a cristián, os exemplos son os mesmo. Non hai moito a Igrexa católica protestou por unha performance realizada por Leo Bassi en España e mostrouse partidaria de que obra non se representase.
A orixe de todo isto é a mesma de sempre. As relixións, independentemente da bondade dos valores que propoñan, tratan de impoñer, dende hai séculos, a súa visión do mundo ao resto da humanidade e iso é algo que, ao longo da historia, trouxo consecuencias moi negativas para todos. En pleno século XXI paréceme ridículo que alguén intente impoñer a súa visión das cousas ao resto do mundo. Eu non creo pero non ando perseguindo aos que van a misa, nin intento que os cultos das distintas relixións non se poidan realizar, nin nada parecido e por tanto esixo, ao resto da xente, que me deixe expresarme coa mesma liberdade que o fan eles. A ópera, as festas de Moros e Cristiáns, as caricaturas e as obras de teatro son manifestacións culturais que, en todo caso, temos a opción de presenciar ou non. Ademais, se votamos unha vista á Historia da humanidade, as distintas relixións estiveron SEMPRE contra o progreso e contra a cultura e iso non se pode volver a repetir.
É mais do de sempre. As relixións, todas elas, confían no oscurantismo e o medo para nos impoñer uns códigos que deberan ser soamente morais, pero que trascenden o espiritual para influir na nosa vida cotiá. medo ó pecado, ó inferno, ás represálias...preguntome se realmente é isto o que pensaban os fundadores destas relixións. E que agora o papa nos saia co imperio da razón...non foi sen tempo. A relixión era o opio do pobo, pero agora o pobo ten acceso a máis tipos de droga (tele, radio, lectura, internet...) e as relixións perden terreo. Bó é. Mais han loitar polo seu posto, e temos exemplos dabondo ó longo da historia para ver o forte que pode bater unha relixión cando está acurralada. Que o papa se vaia aplicando o conto e deixe imperar a razón en asuntos coma o sida en áfica. Racionalismo sempre, pero para todos.