Publicado por : Adycto 29 de setembro de 2006


O concello coruñés de Oleiros acolle, dende onte, o foro da industria Audiouvisual "Nova Factory". Dentro deste evento, a Consellería de Cultura da Xunta de Galiza convocou un certame de creación de curtametraxes para móbiles, que leva por título 'Mobilízate', co obxectivo de fomentar novos valores e formatos do sector audiovisual, así como novas canles de produción e apoiar as miradas creativas máis innovadoras.Deste xeito, os visitantes que se acheguen á carpa instalada neste encontro poderán participar no primeiro certame de creación de curtametraxes que se celebra na Península.


Os creadores disporán dun máximo de 100 segundos para envorcar na súa curtametraxe o que queren contar. A elección dos galardoados correrá a cargo do público asistente e o premio consistirá nun móbil de terceira xeración. A segunda edición de 'Nova Factory' volve integrar actividades propias dun mercado, un foro e unha mostra audiovisual para mostrar as últimas novidades no mundo audiovisual. Entre o público que acolle están máis de 200 alumnos das escolas de Imaxe e Son e das tres facultades de Comunicación de Galicia.


Entre o programa de actividades figura un foro de distribución audiovisual de ámbito internacional e un seminario de introdución ao formato de gravación de Alta Definición, que serán impartidos por especialistas nestes campos. As expectativas de asistencia a 'Nova Factory' sitúanse en máis de 4.000 persoas.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -