Publicado por : Adycto 29 de setembro de 2006


O Pleno da corporación municipal de Santiago de Compostela ven de aprobar inicialmente, coa abstención do PP, a nova Ordenanza de residuos e limpeza viaria que substitúe á vixente na actualidade, do ano 1989. Con esta nova Ordenanza, á que lle queda por pasar o trámite da exposición pública de 30 días para a súa aprobación definitiva, queda prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, así como a venda para o consumo da rúa. Especialmente, preténdese atallar esta práctica cando o consumo poida facerse de forma masiva por grupos de cidadáns ou fomente a aglomeración destes, e cando poida deteriorar a tranquilidade do entorno ou provocar situación de insalubridade. Este tipo de condutas estarán sancionadas con multas de 100 a 750 euros, en función das molestias producidas e do espazo en que se realicen.

Segundo a concelleira de Medio Ambiente de Santiago de Compostela, Marta Álvarez-Santullano, o concello elaborou esta ordeanza para facer frente aos problemas "ocasionados polas pintadas, excrementos dos animais domésticos nas rúas, vertidos ao chan, oríns nos espazos públicos, mobiliario urbano e xogos infantís deteriorados por actos vandálicos, mal uso dos colectores de lixo ou vertidos ilegais". Para Álvarez-Santullano, esta ordenanza ven a ser "unha ferramenta máis na corrección de actitudes e comportamentos neglixentes e irresponsables".

O obxectivo final desta ordenanza, dixo, é "facer de Santiago unha cidade máis cívica, limpa e acolledora, respectuosa cos dereitos das persoas, protectora do patrimonio, dos espazos públicos e da paisaxe urbana, é tratar de configurar un modelo de cidade que require a implicación e a participación de tódolos composteláns".

Para min esta ordenaza, a pesares do seu posible efecto beneficioso para a cidade, trae asociado un recorte de liberdades individuais bastante inmportante. Eu non digo que non haxa que loitar contra a realización de multitudinarios botellóns en espazos inapropiados, así como contra a falta de conciencia cívica de moitos dos que o practican (lixo, orín, etc) pero, o que digo, e que esta ordenanza recorta as miñas liberdades persoais xa que non poido consumir unha cervexa no Parque de Bonaval, ás 6 da tarde, mentres vexo pasear á xente.

3 Respostas ata o de agora.

  1. Anónimo dí:

    É realmente increible o recorte de liberdades persoais que cada día se fai no mundo en aras dun "mundo mellor".

  2. Anónimo dí:

    Pois paréceme moi ben. Se uns teñen dereito a divertirse outros téñeno a descansar. Nadie está dicindo que non se poida beber na rua, porque multariante por beberes unha caña nunha terraza. O das multas será para que non haxa grupos numerosos que molesten a xente.
    Se podes beber na tua casa, non sexas parvo e non vais á rua que vai frio e molestas.

  3. Anónimo dí:

    Perdoa pero SI te están dicindo que non podes beber unha caña na rúa (excepto que o fagas na terraza dun local hosteleiro). Está prohibido consumir bebidas alcohólicas na rúa, a non ser que o fgagas nun establecemento hosteleiro. É so unha puntualización. Estou de acordo no que dis de non molestar e de rematar coas molestias ocasionadas polos botellóns pero coido que iste non é o xeito de facelo.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -