- Atrás »
- OS DATOS DOS INCENDIOS (8/8/2006)
Publicado por : Adycto
8 de agosto de 2006
Os datos sobre incendios nestes momentos son catastróficos. O número de víctimas mortais, de hectáreas queimadas, de propiedades destruídas, de patrimonio perdido, etc deixan a calquera con dous dedos de frente espantado. Eu mesmo puiden ver como a capital de Galiza estaba rodeado polo lume e como o monte do Pedroso (onde tantas veces fun a pasear e a coller cogumelos) arde pasto das lapas. A sociedade galega ten que unirse, como xa fixo outras veces, para acabar co problema dos lumes. Non valen excusas: todos temos que colaborar.(A foto é de Miguel Riopa)
Número de incendios: O Centro de Coordinación sinala 99 lumes nos montes, entre activos e controlados. Na provincia de Pontevedra hai dous que foron declarados de Nivel 2: na parroquia de Viascón (no concello de Cotobade) e na de San Salvador (Soutomaior). Ademais, cinco están no Nivel 1: Armeses (Arbo), Armeses (Maside), Nebra (Porto do Son), Asados (Rianxo) e Abelenda (Rois). O total de lumes é por provincias (controlados entre parénteses): A Coruña 30 (11); Pontevedra 54 (24); Lugo 5 (3); Ourense 9 (1). O total: 60 incendios activos máis 39 que xa foron controlados. Mapa de SOS Galicia (os incendios en verde).
Estradas cortadas (DXT): a AP9, en Padrón. Evacuacións: O exército evacuou sete persoas en Bora, Pontevedra, pola presenza de labaradas preto das casas. Producíronse distintas evacuacións en Santiago e Soutomaior. Os bombeiros cavilan na evacuación de Armenteira (Meis).
Tren: Ao longo do luns, durante unhas catro horas estiveron cortadas as liñas Santiago-Pontevedra e a Santiago-Ourense entre Santa Cruz de Arrabaldo e Maside.
Vítimas mortais: Dúas mulleres en Cerdedo; un home en Cotobade
Detidos:A garda civil detivo un mozo de 24 anos en relación co incendio de Cerdedo e Cotobade, un dos máis importantes destes días: cobrou a vida de dúas mulleres, de centos de hectáreas de monte e aínda segue activo. A detención produciuse, segundo a garda civil, grazas á colaboración cidadá. O mozo, do que se lle coñecen as iniciais A.J.S.S., prestou declaración na tarde do luns. A última hora informouse da súa posta en liberdade polo xuíz, logo de prestar declaración.
Por outra parte, no concello da Baña e logo de que varias testemuñas visen saír a unha persoa do lugar onde se iniciaron varios lumes, a Garda Civil detivo ao presunto incendiario, veciño da parroquia de Suevos, no propio concello. R.S.C., de 36 anos de idade, foi denunciado polos veciños como presunto autor de diversos lumes provocados na zona durante as últimas semanas. Logo de prestar declaración, pasará a disposición xudicial o próximo mércores.A actuación dos veciños tamén foi clave no caso de Pazos de Borbén, onde os veciños mesmo sorprenderon a un individuo no momento en que trataba de provocar novos focos de lume. Así, veciños da zona retiveron a esta persoa, e trasladárona posteriormente cara a un axente forestal, e finalmente até a Garda Civil, onde prestaba declaración a última hora deste luns, acusado tamén de prenderlle lume a montes de Soutomaior.
Publicar un comentario