Publicado por : Adycto 14 de agosto de 2006

A Xunta de Galiza remitíu unha nota de prensa, esta mañá, na que fala sobre os voluntairios que traballan contra o lume. Dí o seguinte:

Máis de 500 novos voluntarios súmanse hoxe aos traballos en defensa do monte galego.

Farán traballos de vixilancia preventiva nos montes e labores de loxísticae intendencia para apoiar aos equipos de extinción

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2006.- Uns 500 novos voluntarios en defensa do monte galego incorpóranse na xornada de hoxe aos traballos de vixilancia, loxística e apoio aos medios que traballan na loita contra os incendios forestais en Galicia. Todos os voluntarios se puxeron en contacto co Teléfono en Defensa do Monte Galego (900 400 800) para prestar a súa colaboración na loita contra a vaga de lumes destes días en Galicia.

Os voluntarios rexistrados no Teléfono en Defensa do Monte Galego -xestionado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade- están colaborando estes día sen dous tipos de tarefas: en traballos de vixilancia dos montes e en tarefas de loxística e axuda aos equipos que traballan directamente na extinción dos lumes. En canto se extingan os lumes, e a situación sexa segura para a cidadanía, os voluntarios tamén traballarán en labores de repoboación e rexeneración dos montes, a opción escollida pola maioría dos cidadáns que chaman ao 900 400 800.

Na xornada de hoxe, por exemplo, os voluntarios farán traballos de vixilancia en montes de toda Galicia. Entre outros concellos, estarán en Marín, Mos, Vigo, O Rosal, Lalín, O Porriño, Santiago, A Veiga ou Allariz. Nos montes, os voluntarios traballan man a man coas comunidades de montes ou coas propios veciños do lugar, organizando quendas de vixilancia.

Ademais, os voluntarios van seguir desenvolvendo tamén labores de loxística e intendencia para apoiar aos equipos de extinción. Entre outros traballos, acondicionan as dependencias onde descansan os equipos de loita contra incendios, así como fan de guías polos municipios para equipos de bombeiros procedentes de fóra de Galicia ou transportan cos seus propios vehículos o material necesario para a loita contra incendios (guantes e máscaras, entre outros), dende as dependencias da Consellería do Medio Rural ata os puntos de Galicia onde é preciso. Como exemplo destas tarefas no día de hoxe, haberá voluntarios no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, no Centro Residencial Meixoeiro de Vigo ou na Residencia Universitaria de Ourense.

Grazas ao plan coordinado de acción entre a Vicepresidencia e a Consellería de Innovación e Industria, hoxe tamén estarán voluntarios nos concellos da Veiga e de Padrón desenvolvendo tarefas de vixilancia e protección de instalacións de interese público.

Resposta solidaria Dende a Vicepresidencia da Xunta eloxiase a colaboración destes voluntarios e agradécese a súa colaboración, que supón unha gran contribución na loita contra os lumes e que serve como exemplo de “resposta solidaria” da cidadanía galega, que ofrece a súa axuda desinteresada para defender a riqueza forestal do país.

O dispositivo de voluntariado é xestionado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, contando coas necesidades e a colaboración da Consellería do Medio Rural, de Protección Civil e de agrupacións forestais e veciñais de toda a comunidade. Este dispositivo está tendo unha grande acollida, tanto por parte dos voluntarios que participan, que se senten útiles e orgullosos da súa colaboración, como por parte das persoas que reciben a axuda. Cómpre salientar ademais que cada día son máis as comunidades de montes veciñais que solicitan a colaboración dos voluntarios para desenvolver diversas tarefas.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -