- Atrás »
- CANON GALEGO ÁS ELÉCTRICAS
Publicado por : Adycto
11 de xullo de 2006
Despois de anos de anquilosamento nun tema fundamental para o noso país, parece que o goberno bipartito da Xunta de Galiza ten movido as pezas necesarias co obxectivo de atopar unha fórmula que entre dentro do ámbito competencial da Xunta e á vez que garanta a mínima incidencia no usuario no tema das eléctricas. Así, segundo se recolle hoxe en Vieiros, a consellaría de Economía está a preparar un canon para que "quede en Galiza unha parte do que achega para que outras partes do Estado poidan gozar da enerxía hidroeléctrica", segundo avanzou Emilio Pérez Touriño este luns. O anuncio coincidiu coa proposta do PPdeG para que o executivo lle reclame ao goberno español que os galegos paguen menos ca os españois no recibo da luz. Desde o PsdeG ironizaban sobre a proposta considerando "curioso que logo de 16 anos de goberno o PP chegue á conclusión de que Galiza produce máis enerxía da que consome".
"
O Goberno da Xunta está traballando para atopar a mellor fórmula para garantir o que me parece que é o obxectivo político fundamental: garantir ou conseguir que Galiza saia beneficiada do feito da explotación da auga e do subministro da auga que fai para a explotación hidroeléctrica". Touriño explicaba así a busca que o executivo fai dunh fórmula para un "canon sobre a utilización da auga", que sería competencia "da propia comunidade autónoma" e que "non tería traslado nin efectos sobre prezo".
O anuncio coincidía coa proposta que á súa vez facía o PPdeG para que os galegos paguen menos no recibo eléctrico. Segundo os populares, iso sería posíbel negociando co executivo estatal unha redución da cantidade cobrada pola utilización da rede de transporte eléctrico. O voceiro de Industria do PPdeG, Ángel Bernardo Tahoces, explicou que neste momento todas as autonomías pagan idéntica peaxe por ese motivo, e opinou que a a revisión anual que se realiza a través da Comisión Nacional de Enerxía podería servir para introducir modificacións que provilexiasen a zonas como Galiza, onde a proximidade entre usuarios e lugar de produción eléctrica é mínimo. Con apenas un par de céntimos por kw, os petos galegos aforrarían 400 millóns de euros anualmente, segundo as contas do PPdeG. Os socialistas din que os populares "chegan tarde e non acertan""Efectivamente Galiza é un territorio cunha importante capacidade transformadora de produtos enerxéticos, que posteriormente se exportan", explicou Abel Losada, deputado do PSdeG, ao fío da proposta do PP, "Moitas empresas realizan en Galiza os procesos produtivos de maior consumo enerxético. Pero isto xa era así hai anos, malia que o PP o ignorase absolutamente mentres gobernou, tamén nos oito anos nos que gobernaba en Madrid o empregado de Rupert Murdoch".
Losada aproveitou para cualificar a política enerxética do PPdeG de "chea de ignorancia e ausente de acción política, o que fixo absolutamente necesario un cambio total". "A política enerxética da Xunta do PP estaba caracterizada pola desidia xeral e falta de transparencia na xestión económica", criticou, ao tempo que louvaba que o bipartito aposte por "un modelo eficiente, diversificado, menos contaminante e máis solidario socialmente, sendo un dos elementos fundamentais para a consecución deste obxectivo o fomento do aforro enerxético e das fontes enerxéticas renovábeis e de tecnoloxías enerxéticas avanzadas, que teñen que levar consigo, sen dúbida a mellora da calidade do servizo de subministro de enerxía".
Publicar un comentario