- Atrás »
- PROGRAMAS EN GALEGO
Publicado por : Adycto
23 de maio de 2006
Tal como podedes leer a través do enlace que Xornalaberto vos ofrece co xornal A Nosa Terra, este medio galego publicou, no seu número do 18 de maio, unha información sobre como a Xunta daba o primeiro paso cara a galeguización de diversos programas informáticos de uso común. Merece a pena leer a nova xa que nos indica, onde e como, podemos conseguir programas libres para traballar en galego no ordenador.
O texto que segue é unha reproducción da nova publicada polo xornal A Nosa Terra.
O pasado dez de maio a Consellaría de Innovación presentaba o portal de internet Mancomún, que será a plataforma dos programas sen dereitos de autor en galego. Agora, vén de editar o paquete OpenOffice e un corrector ortográfico. Até agora, os programas informáticos de uso común en galego apenas existían e a galeguización dos máis importantes era máis lenta que o mercado. A presentación do portal Mancomún (http://www.mancomun.org/) o pasado dez de maio implica inverter a situación.
A maioría dos programas informáticos están deseñados por empresas que venden os seus produtos e que, en consecuencia, tamén deciden en que idiomas subministran os seus programas. Por esta razón, contar cunha tradución do Windows custou moitos anos -o problema agrávase porque cada nova versión precisa dunha nova tradución, que debe pagar a Administración.
As cousas cambiaron con Mancomún porque este portal está centrado no software libre, é dicir, aquel que non está sometido aos dereitos de autor porque a súa elaboración é a través da participación voluntaria e gratuíta de moitos programadores espallados polo mundo. Este xeito de construción de programas leva a facelos de forma aberta, na que cada quen pode introducir os cambios que desexa. Isto permite traducir ao galego eses programas.
Esto é o que está a facer a Consellaría de Innovación en Mancomún.A primeira presentación dun programa libre en galego de uso estendido tivo lugar unha semana despois de abrir Mancomún. Trátase do OpenOffice, que é un paquete de programas que contén un procesador de textos, unha folla de cálculo, unha base de datos e un programa de presentacións multimedia. É un paquete moi similar en aparencia e funcionamento ao Office, que inclúe o procesador de textos Word, a folla de cálculo Excel, a base de datos Access e o programa de presentacións Powerpoint. Os documentos xerados en OpenOffice son compatíbeis cos de Office e ao revés.O paquete informático OpenOffice que se baixa da páxina de Mancomún pódese montar no sistema Windows e tamén en Linux, que é o sistema operativo habitual do software libre e cuxo uso aínda é algo máis complicado para un usuario normal.
O 29 de maio Mancomún presentará na súa páxina unha versión de OpenOffice para Apple Macintosh, un tipo de ordenador pouco estendido en Europa que sobre todo se emprega para deseño gráfico.Ademais deste programa de ofimática, inclúese un corrector ortográfico para OpenOffice na versión para Windows e na de Linux. Trátase dun corrector que se pode usar en todos os programas do paquete e que é máis completo que o 2M3 que sacou a Xunta para o Office de Windows en 2003 -que constituía unha actualización dun anterior.
Para finais de maio está prevista dunha versión deste corrector para Mac.O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco (BNG), tamén asinou dous convenios coa Academia Galega e coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións para a presenza na rede de materiais lingüísticos en galego e para a extensión da banda larga. Entre os proxectos de difusión do galego está un dicionario monolingüe para colgar na internet, a publicación na rede do Mapa Sociolingüístico e a elaboración dunha serie de dicionarios bilingües.
Publicar un comentario