- Atrás »
- Caixon desastre »
- Reflexións irreflexivas
Publicado por : Adycto
17 de decembro de 2013
Advertencia: o post de aquí abaixo é unha desas "pallas mentais" que a todo o mundo lle pasan pola mente algunha vez, pero que non é tan insensato como para escribir. Avisados quedases.
Dicía o gran Ernesto Sabato que "la vida es tan corta y el oficio de vivir tan difícil, que cuando uno empieza a aprenderlo, ya hay que morirse". E iso se chegas a empezar a aprendelo porque, alomenos nós, aínda non acabamos de collerlle o tranguiño. De feito, se tivésemos que deixar escrito algo para as vindeiras xeracións do que aprendimos da vida nos case que 40 invernos que levamos por aquí, o único sensato que poderíamos dicir é que o importante, o que realmente faiche comezar a entender realmente como vai esto da vida, son as perdas que tiveches ou que estiveches a punto de ter. E non porque a vida sexa moi corta, senón porque, se cadra, empezamos a aprender demasiado tarde.
Somos dos que pensamos que, no momento que perdes a alguén importante para ti, alguén que realmente é un dos piares sobre os que, consciente ou inconscientemente, asentas a túa experiencia vital é cando comezas a entender a vida. Parece incrible porque, ao longo dos anos, a nosa experiencia parece que nos prepara para afrontar a morte e para comprendela e asumila pero non é así, polo menos ao noso xeito de ver as cousas.
Podemos ler libros, viaxar, pensar sobre o tema, compartilo...que ata que non perdemos a alguén importante, realmente, non entendemos plenamente a dimensión da morte e, por tanto, da vida. O medo, o vacío, a impotencia, a soidade ou a tristura son sentimentos que cremos coñecer pero que, ata que perdemos ou estamos a punto de perder, non logramos entender en toda a súa dimensión.
O peor desta reflexión é que, aínda que pensárades que estamos no certo, de nada serviría senón o tivérades experimentado porque ata que o vives en primeira persoa non das aprendido a lección. Se cadra por iso "el oficio de vivir es tan difícil".
PD: Por certo, se aínda non líchedes "El Túnel" ou "Sobre héroes y tumbas" de Sábato, non deixedes de facelo. Son libros de obrigada lectura.
Publicar un comentario