Publicado por : Adycto 18 de xullo de 2011


Levaba tempo sen escribir en Xornal Aberto non porque non tivese moito tempo para facelo -que tamén- senón porque estou tan asqueado das cousas que leo nos xornais, escoito pola radio e vexo na tele que nin ánimo tiña de rebatilas. A verdade -debe ser a idade- empezo a estar canso de escoitar e ler mentiras e que a xente as asuma como verdades inmutables e que, cando un propón outras cousas, o acusen de tolo, de utúpico ou, no mellor dos casos, o deixen falar como todos facíamos co cura que daba a misa cando eras pequeno: sen interronpelo pero sen facerlle o máis mínimo caso.

Aínda así, sen moito ánimo, decidinme a voltar ao rego e a seguir dando a batalla no único sitio onde podo dala. E para iso escollín, entre as moitas mentiras que abundan estes días nos medios de comunicación, unha que leva tempo molestándome escoitar: a mellora da competitividade dos países da zona euro imprica a necesidade de reducir o salario dos traballadores. Eufemísticamente outros din que esta "mellora" da competitividade conséguese coa "adaptación dos salarios á productividade dos traballadores" ou coa chamada tamén "moderación salarial". Seguro que todos escoitáchedes estes términos mil veces xa que a Merkel, por exemplo, os utiliza moito ultimamente.

Antes de comezar a análise unha cousa. Co tema este da adaptación dos salarios á productividade pasa o mesmo que cando a xente lle chama "guapo" ao principijo. Queren dicir "alto", que é o que realmente é o Borbón pero, sen saber como, acaban dicindo "guapo". Aquí pasa o mesmo, os neoliberais falan de "adaptación dos salarios dos traballadores á productividade" ou de "moderación salarial" pero o que realmente queren dicir é reducción dos salarios e recorte dos dereitos laborais dos traballadores.

Pero non quedemos na parte estética, imos ao fondo do asunto. Nestas últimas semáns (que eu diría meses e incluso anos) é moi corrente escoitar aos neoliberais de todo o mundo -e en especial aos europeos- dicir iso de que para mellorar a competitividade hai que reducir os salarios. Co tema de Grecia de fondo, a Merkel non para de repetilo dirixíndose ademais directamente, tanto ao país heleno como a España e Italia. O siloxismo que fan é sinxelo: para eles a competitividade depende en grande medida dos salarios, de xeito que a súa baixa traerá aparellada un aumento da competitividade das empresas e por ende dos países. Este aumento da competividade ben dado -segundo eles- pola baixada dos prezos que produciría a reducción dos salarios dos traballadores, o que faría que os produtos sexan máis baratos e así podan competir mellor e venderse mais. Todo moi "clariño".

De feito, na maior parte dos medios de comunicación, ponse como exemplo desta teoría, unha e outra vez, a Alemania, un país cunha elevada competitividade que, segundo a súa chanceler, ten na "moderación salarial" a clave do seu éxito. Sen embargo, os estudos realizados pola propia Comisión Europea e os datos estraídos deles non respaldan esta teoría. Como ben comenta o gran Vicenç Navarro no seu artigo "La lucha de clases bajo otro nombre", que deu orixe a este post, a competitividade alemana ten pouco que ver coa "moderación de salarios" ou cos prezos dos produtos que o país exporta. Nun informe do ano 2010 da Comisión Europea, no que se facía referencia ás exportacións do país entre 1999 e 2008, conluíase que o crecemento destas debeuse "primordialmente ao crecemento dos mercados importadores". O éxito das exportacións alemáns non se baseaba no prezo dos produtos que vendía senón no crecemento das economías emerxentes e dos seus mercados de consumo. Por tanto esa "moderación salarial" da que presume Alemania como base do seu éxito exportador non é tal.

O éxito basease en que unha boa parte dos produtos que exporta son manufacturas, equipamientos de tecnoloxías de telecomuniacións, infraestructura de transportes e outros produtos semellantes. O éxito das exportacións débese, como case sempre, ao "know how" é a conseguente "inversión" en Educación feita por Alemania. Esa inversión que en España é tan necesaria, aínda que para os gobernos nunca é unha inversión senón un gasto -como ben dicía Ignacio Escolar no seu artigo "o uso perverso das palabras"-.

Entón, por qué Alemania e a súa chanceler falan da "moderación salarial" como a clave do éxito? Ben sinxelo. O que está a facer e defender os intereses das grandes empresas que, con esta "moderación salarial", están obtendo un beneficios brutais a costa dos intereses dos traballadores. De feito, estes intereses empresariais -que non coñecen de países e de fronteiras- son os que agora están tratando de facerlle sitio a este discurso en España e noutros países da Unión Europea.

O certo é que o éxito das exportacións de Alemania, e tamén de España, depende en boa medida da demanda dos países importadores e o recorte dos salarios proposto só servirá para reducir o crecemento dos mercados domésticos e importadores, que son, na súa maioría, países da eurozona. O mellor para o crecemento das exportacións, e por ende da competitividade da economía española é, ao meu modo de ver, o crecemento da capacidade adquisitiva dos países importadores. Unha reducción salarial como a proposta polos neoliberais para os países da eurozona vai precisamente en contra do aumento do comercio, pois deprime a demanda tanto doméstica como exterior, retrasando notablemente a capacidade de recuperación das economías europeas.O que está a acontecer é que as grandes empresas están utilizando a crise para conseguer o que sempre desexaron: a reducción dos dereitos sociais, laborais e incluso políticos das clases traballadoras.

E non son eu só o que chega a esta conclusión senón moitas outras persoas moito máis preparadas ca min. Hai un par de meses e, farto de escoitar que Alemania estaba cansa de "pagar as facturas de moitos países da UE" Durao Barroso, nunha entrevista co "Frankfurter Allgemeine Zeitung", respondía ao xornalista que presumía da cifra do superávit comercial anual alemán así: "Sabe a opinión pública alemana que case o 86% deses 134.000 millóns de superávit, concretamente 115.000 millones, proceden do comercio no interior da Unión Europea? Dinlle os políticos alemáns á súa opinión pública que as exportacións alemanas a outros países da UE aumentan constantemente? Dinlle que entre 1995 e 2008 ese aumento foi del 7,4% anual, mentres que as exportacións a Xapón aumentaron só un 2,2%?". Barroso tamén comentou nesa entrevista que "Ata agora, Alemania foi un gran beneficiario do euro e creo que máis políticos alemáns deberían dicilo claramente".

Non sei se pensaredes que este post foi un rollo, que en Xornal Aberto somos un utópicos, ou se deixaches de ler a metade do mesmo pero, sexa como sexa, esto é o que penso sobre unha das moitas mentiras que todos os días nos están a contar.

A imaxe, por certo, saqueina do blog Esta no es mi empresa, de Nueva Tribuna.

4 Respostas ata o de agora.

  1. Frantxu dí:

    A verdade e que é un tema do que xa lin este fin de semana pasado, a raiz do programa de ZP TV, 59 segundos. Adicaron o programa á xuventude e estaba alí un tal Alberto Garzón, que colabora coa web Attac-España e ten un blog que che recomendo, Pijus Economicus. (www.agarzon.net). El fala moito desto, a parte de outros temas moi interesantes. Recomendocha. Por certo, ¿o día 6 de Agosto vas pasar pola carballeira de Zas?

  2. Adycto dí:

    Non sei, ainda non sei q farei pero e un no día para achegarme por esas terras de nuestro senhor... E no plan! Digoche algo cando fale coa autoridade competente....

  3. Adycto dí:

    O blog non o conhecia pero a web de atakk a conhezo ben.

  4. Nemigo dí:

    os datos están pra o que os queira ver. O salario dos traballadores é o chocolate do loro. Se son 40 horas semanais ven a ser 160 horas ao mes. Iso son 10 euros hora. De verdade pensa alguén que nunha hora non se pode facer algo que vaia 10 euros?

    Na españa fanse máis de isas 8 horas diarias (que non se pagan.) Así hai que facer máis horas por un problema de organización. As empresas están inzadas de parásitos e enchufados da familia dos donos e con iles unha morea de pelotas. Todo iso custa cartos e debe salir do lombo dos traballadores.

    Iso explica a petición de "moderación salarial" pra quen non da un pau á auga calquera soldo é unha pasta

    Pero non cola, os que traballan non pasan polo aro e así o saben ben os "empresarios" Todo son cortinas de fume

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -