Publicado por : Adycto
11 de marzo de 2009
O autobombo é unha práctica moi habitual na sociedade que nos tocou vivir. As cadeas de televisión, por exemplo, ensínannos camuflados entre os comerciais que emiten o boa que é a súa cadea, a excelencia da súa programación, a súa aposta polos fins sociais, etc, etc. Pero non só as cadeas de televisión, o resto de medios de comunicación, as empresas, os gobernos, as igrexas, os políticos (por suposto), tamén o fan. Será por iso que, ao estar tan acostumados a este "autobombo", tendemos a non crer o que unha empresa (ou o que sexa) di sobre si mesmo e a valorar máis as opinións dos demais (sobre todo se son minimamente imparciais). Por iso, en vez de darnos autobombo dicindo que en Xornal Aberto estamos a piques de chegar ás 10.000 visitas reais, o que facemos e pedirvos que entredes en Blog de Net, unha bitácora que podedes atopar no noso blogroll e que, día a día, traenos contidos máis que interesantes sobre a sociedade de información e as novas tecnoloxías. Bos contidos, moi didáctico, moita documentación de consulta e, sobre todo, o mérito de estar opinando e falando de algo que está a acontecer en tempo máis ou menos real. Vale que podedes dicir que isto non é máis que outro xeito de autobombo (aínda que un pouco máis subliminal) pero o que realmente quere ser é un post de recoñecemento a un traballo ben feito co que desfruto case que todos os días. A foto que ilustra este post collinna do blog Moleskine Literario.
Ola Adycto. Moitas grazas dende BlogdeNet. E, sobre todo, parabéns polas 10.000 visitas. Os que 'perpetramos' blogs sabemos o reconfortante que é ser lido. E xa sabes... a polas 100.000.
a verdade é que tes toda a razón! e grazas por nada (é o que penso de verdade). Unha aperta