Publicado por : Adycto
28 de xaneiro de 2009
Hoxe poderiamos falar de moitas cousas. Os telexornais abriron dicindo que España entraba en recesión, o Tribunal Supremo rexeitou as alegacións contra educación para a cidadanía e, en clave galega, o señor Touriño e o seu partido (tanto en Galiza como en Ferranz) seguen enmerdando o voto da emigración cun recurso contra a posibilidade de que os votantes do exterior o fagan co DNI ou co pasaporte. É dicir, que había abondo onde escoller. Aínda así, se cadra porque falar do voto emigrante e da actitude do noso presidente dame noxo, decidín facer un pequeno e nada minucioso análise da presencia dos candidatos na rede de redes. Quen máis e quen menos, a estas alturas do partido, xa ten unha canle no youtube e os nosos candidatos, que non podían ser menos, non só teñen un espazo destacado no youtube senón que teñen a súa propia televisión: quin.tv, feijoo.tv e touriño.tv. Ademais, como dicía, os tres grandes partidos contan cunha canle propia no youtube: PSdeGTV, ppdegalicia-tube e TeleBNG. Ademais, as webs dos partidos renováronse para a campaña e, tanto a do PSdeG, como a do PPdeG e a do BNG, están bastante melloradas. Todos queren seguir o exemplo de Obama pero, quen máis e quen menos, están bastante lonxe de atopar o camiño correcto. Non se trata de abrir e abrir espazos na rede para amosarlle aos votantes o que se vai a facer de chegar ao goberno, nin de explicarlle aos cidadáns que fai cada candidato no seu día a día...Trátase de establecer canles de comunicación adecuadas entre os candidatos e os internautas. ElBama (que é como din que lle chama Paco Vázquez ao presidente americano) si o conseguiu. Os internautas sentíanse parte importante da campaña do actual presidente ianqui e el "coidaba" deles dándolles primicias e especial atención. Era unha campaña directa que rompía barreiras, non como o que están a facer os nosos. De feito, como ben explican en periodistas21, nin tan siquera parecen entender a importancia de respostar nas súas webs e televisións online ás preguntas feitas polos seus votantes. Eles prefiren respostar na tele en vez de a través das webs que montaron, en teoría, para achegarse aos seus posibles votantes. Iso, que hai moito que facer.....Bueno, e para rematar, unha selección dos videos que os candidatos teñen en internet....
Publicar un comentario