Publicado por : Adycto 3 de abril de 2008


Que eu saiba, a Lei da Memoria Histórica entrou en vigor en España o 26 de nadal de 2007 e ten por obxectivo "recoñecer e ampliar dereitos a favor dos que padeceron persecución e violencia, por razóns políticas, ideolóxicas ou de crencia relixiosa, durante a Guerra Civil e a Ditadura, promover a súa recuperación moral e a recuperación da súa memoria persoal e familiar, e a adoptar medidas complementarias destinadas a suprimir elementos de divisións entre os cidadáns, todo elo co fin de fomentar a cohesión e solidaridade entre as diversas xeracións de españois en torno aos principios, valores e liberdades constitucionais". Algo que, a pesar das descusións ás que deu e da lugar, paréceme que ten moito tino. Dentro desta Lei, no artigo 15 concretamente, fálase da situación dos símbolos e monumentos públicos e dise que "As Administracións Públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura." Digo todo isto porque, que eu saiba, o hospital "Juan Canalejo" da Coruña segue con este nome, a pesares de que o citado "Juan Canalejo" non foi o eminente cardiólogo que moitos cren ver neste nome senón o fundador da Falanxe na Coruña, un home que chegou a ser "xefe territorial" desta organizaciós fascistas que participou no golpe de Estado que viviu España en 1936.

O principal argumento que utilizan os detractores de mudar o nome deste coñecido hospital é a, según eles, consecuente pérdida de prestixio internacional que levaría para o centro o trocar de nome. Que eu saiba, outros moitos centros hospitalarios españois de recoñecido prestixio mudaron de nome co paso dos anos para desvencellarse do franquismo e non perderon un ápice da súa sona. Amais, como dicía ao principio deste post, a Lei da Memoria Histórica xa está en vigor dende hai tempo e a pregunta debe de ser, por que aínda non se cambiou o nome deste centro hospitalario? en vez de, vai perder prestixio a institución médica?

Non é a primeira vez que os hospitais galegos trocan de nome pola súa relación co fascismo de Franco. Cando Felipe X (non o décimo senón o dos Gal) mandaba en España e a Sanidade aínda non estaba transferida, o goberno español cambiou o nome do hospital Hermanos Pedrosa de Lugo (dous coñecidos falanxistas) pasou a se chamar Xeral Calde; e o Almirante Vierna de Vigo (nome do comandante do cruceiro rebelde Baleares e protagonista do levantamento) denomínase dende entón Xeral Cíes.

Non entendo por que o "Juan Canalejo" segue a chamarse así cando hai unha Lei en vigor que dí que isto hai que cambialo, cando temos na Galiza un goberno "bipartito e de progreso" e cando o o home que lle da nome a este hospital coruñés non é un científico nen unha eminencia senón un pistoleiro fascista. Para saber algo máis desta pesoaxe non hai nada como ler o artigo escrito por X.L. Méndez Ferrín hai algún tempo sobre Canalejo no Faro de Vigo: "Juan Canalejo era fillo dun panadeiro estabelecido na Rúa do Socorro da Coruña, que penso era a que hoxe se chama tamén de Juan Canalejo. Era oficial de carreira (coido que Tenente do corpo de Intendencia). Deseguida se afiliou a Falange Española e foi "jefe territorial" das JONS. Na terminoloxía falangista significaba, no noso caso, "jefe de Galicia", porque a mención do nome da nosa nación producíalles urticaria. Teño entendido que, despois de se fusionaren as JONS coa Falange, e despois de José Antonio Primo de Rivera purgar a Ramiro Ledesma Ramos por "esquerdista" as siglas JONS ("Juntas de Ofensiva Nacionalsindicalista) seguíronse usando para designar os grupos de choque, extremadamente violentos, que actuaban, en Galicia tamén, nos días republicanos. Juan Canalejo, nun intre determinado, ascendeu a "Jefe Territorial de Falange Española de las JONS". Por aquel tempo José A. P. de R. escribía o seu texto "La gaita y la Lira", contra os nacionalismos galego, vasco e catalán, no cal se funda unha tópica seguida hoxe ao pe da letra por numerosos columnistas de prensa, escritores e políticos do PP e tamén doutras parroquias. Sigamos con Juan Canalejo e digamos que eu coñecín persoas que o relembran disparando contra a sede da CNT da Coruña e fuxindo a refuxiarse no forno do seu pai, que tiña portas que daban a dúas rúas. Carlos Fernández Lamela e os historiadores nos que eu aprendo, sáibanme disimular as miñas inexactitudes e, por favor, corríxanmas.Sobre a morte de Juan Canalejo ouvín dúas versións. De acordo coa primeira, morreu en combate nos sucesos do Cuartel de la Montaña. Foi fusilado, di a segunda, tamén en Madrid, polas milicias populares, sen formación de xuízo e nos primeiros intres do levantamento fascista."

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -