Publicado por : Adycto 6 de novembro de 2007


A pesares de que podiamos facer como todo o mundo e opinar sobre o tema da visitas dos reis de España ás cidades africanas de Ceuta e Melilla, non o imos a facer. O único que vou a dicir sobre o tema é que é realmente curioso como a política e a xeografía se misturan neste caso xa que, a pesares de que ambas cidades están situadas na parte norte do continente africano, ambas lucen nos seus concellos a bandeira da Unión Europea. Tampouco imos falar de como Super Sarkozy trouxo a España no seu avión ás azafatas retidas no Chad polo tema da ONG francesa que secuestraba nenos. A verdade é que diría moitas cousas sobre a intervención do premier francés e a actitude do goberno español no caso pero, como dixen que non falaría do tema, vouno cumplir. Do que imos a falar hoxe en Xornal Aberto é de que comeza en Compostela unha nova edición de Cineuropa cargada de sorpresas: unha boa representación do último cinema galego, como "Fronteiras", "O novo Emden", "Queda alguén aí?" ou a estrea de "Liste, pronunciado Líster", de Margarita Ledo; os filmes premiados nos festivais internacionais, como "Redacted", de Brian de Palma, ou "Buda explotou por vergoña", de Hana Makhmalbaf; ademais, continúan as seccións de cinema fantástico e Doc.music, para os amantes destes xéneros, e o maratón que pecha o ciclo o día 3 de decembro céntrase no estilo bizarro.



As localidades están á venda no teléfono: 902 43 44 43, e tamén poden mercarse a través da web de Caixa Galicia, ou ben no despacho de billetes do Teatro Principal a partir das 15:00 horas. O prezo das entradas é de 3 euros e 20 se se merca un abono para 10 películas. O prezo da entrada para o maratón será de 9 euros.O calendario está sometido a posibles cambios pero pódense consultar a carteleira diaria na web de Compostela Cultura e mais o no programa do Festival.



Como cada ano, Cineuropa ofrece diversas seccións oficiais e, neste ano, máis de 100 películas para ver. Cineuropa ofrece este ano un amplo abano de propostas, dende o maratón de cinema bizarro e seccións xa habituais como Fantastic Compostela até os documentais históricos e de actualidade máis interesantes, unha ollada á obra de John Huston no seu vinte e cinco cabodano, ou un achegamento a outras latitudes: Asia, como xa vén sendo habitual, e Arxentina. Se queredes saber quen particIpa en que, só tedes que premer neste enlace.



Xa van vinte e unha edicións con esta de 2007, e Cineuropa volve achegar máis de cen filmes a cinco salas distintas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio de Galicia, o CGAC e a Aula de Cultura Caixa Galicia.

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -