Publicado por : Adycto
8 de outubro de 2007

A obra en sí mesma é unha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián (Borja Fernández) e Violeta (Rebeca Montero), irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Iliria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia coa axuda de Festas (Victor Mosqueira) -bufón da corte do duque Orsino (Marcos Correa). Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia (María Bouzas), que o rexeita continuamente.
A pesares da hora e media larga que dura a representación, o tempo pasa volando para o espectador que disfruta en todo momento cun espazo escénico moi sinxelo e dinámico e cun texto moi ben traballado por Quico Cadaval. Entre o elenco de actores destacan, por enriba do resto, Marcos Orsi (Malvolio), Victor Mosqueira (Festas) e Marcos Correa (Duque Orsino) que interpretan, cun elevado grao técnico, tres papeis diametralmente opostos pero todos cargados dunha grande complexidade interpretativa. Tamén están excelentes María Bouzas (Lady Olivia) e Rebeca Montero (Violeta) nos seus respectivos papeis.
En resumo, unha excelente opción para ver teatro de calidade na capital de Galiza que estará no Salón Teatro durante todo o mes de outubro e que, posteriormente, estará en diversas cidades galegas. Noite de Reis, poderá verse en Santiago os mércores e xoves ás 11.00 horas en funcións para institutos. As funcións para o público xeral terán lugar ás 20.30 horas os venres e sábados, e ás 18.00 horas os domingos. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 € para os venres e os sábados, cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos, e de 5 € para o domingo, día do espectador.
Pois si, unha boa opción, a min tamén me gustou moito.
a verdade é que está moi ben...