Publicado por : Adycto 1 de agosto de 2007

Había moito tempo que non ía a un concerto no que o pasara tan ben como no de onte pola noite en Compostela. Tal e como anunciara neste blog, o grupo arxentino "Dios salve a la reina" actuaba de balde na Quintana e achegueime ata esta emblemática plaza disposto a comprobar de primeira man a calidade do espectáculo do que tan ben me falaran. O resultado foi inmellorable. O traballo, tanto musical como visual, de todos os compoñentes de "Dios salve a la reina" é perfecto e o resultado fantástico. Foron preto de dúas horas de espectáculo, con tres bises e cunha amenaza permanente de choiva sobre as cabezas dos espectadores e músicos que a piques estivo de rematar co concerto antes de tempo. Durante o show, o noso particular Freddy cambiouse varias veces de roupa e non parou de moverse polo escenario despregando unha boa parte do glamour que tiña o tristemente desaparecido mister Mercury. Ademais, a música de Queen é unha sucesión de "ghits" polo que, o concerto, foi tamén unha permanente sucesión de "temazos" que, en medio dun bo son e unha estupenda posta en escea, fixo que o público se trasladase mentalmente a outra época e a outro momento. Soaron todos os temas míticos da banda incluído un "sprint" final de concerto composto por "Bohemian Rapsody", "We will rock you" e "We are the champions" que deixaron a todos os asistentes cun estupendo sabor de boca. Hai que felicitar ao concello de Santiago por esta actuación que é, ademais, a segunda que o grupo fai en España e que forma parte dunha xira polo Estado que levará a estes particulares "Queen" a Lloret del Mar, Huesca e a Vigo. Se os podedes ver en Vigo, o día 10 de agosto na Sala A, non dubidedes: o espectáculo debe continuar.


Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -