- Atrás »
- Caixon desastre »
- A IGREXA E A PEDERASTIA
Publicado por : Adycto
11 de xullo de 2007
Son dos que pensa que as relixións son o primeiro problema do mundo e a causa fundamental do 70% dos males que asolan, de xeito global, áhumanidade. Se botamos unha ollada rápida e simplista á historia da humanidade poderemos comprobar que, coa chegada do cristianismo e a súa posterior implantación en Europa, a humanidade retrocedeu moitos séculos no seu avance. Só hai que ver como estaban os romanos no apoxeo do seu imperio (sistema político, enxeñería, matemáticas, coñecementos, arte, etc) e como estaba Europa no ano 1000 despois de Cristo, para comprobar o mal que lle fixo o cristianismo á humanidade. Pasamos dunha idade dourada en moitos aspectos (aínda que tamén con moitos erros) á Idade Media, tragando por medio coa peste (que era enviada por Deus aos pecadores) e co ascenso meteórico da Igrexa Católica ás maiores cuotas de poder. No caso do Islam tamén podemos comprobar que, cando os fundamentalistas impuxeron as súas interpretacións sobre o Corán fronte aos máis moderados, a civilización con raigame islamista retrocedeu de xeito espectacular ata a situación na que se atopan actualmente (eles que foron a vanguardia das ciencias e do progreso). Evidentemente, esta á unha interpretación moi superficial do problema pero serve perfectamente para que todos entendades o que penso das relixións. Dito isto, paso a comentar a nova publicada hoxe por distintos medios na que se anuncia que o Tribunal Supremo condena á Igrexa por non vixiar aos curas pederastas.
A noticia explica que o Tribunal Supremo confirmou a sentenza que condeou ao arzobispado de Madrid, dirixido polo galego Rouco Varela, como responsable civil subsidiario no caso do cura pederasta do barrio madrileño de Aluche. A sentenza rexeita o recurso de casación presentado por Rouco Varela e é moi contundente nos seus razoamentos xurídicos contra a Igrexa. O caso de Aluche foi moi soado. Producíuse no ano 2000 e tivo como protagonista a un menor e ao secretario da vicaría, un sacerdote que abusou do rapaz na propia vicaría e na casa do menor, á que acudía para "axudar" ao rapaz a estudar.
O triste do caso é o comportamento da Igrexa ao respecto xa que o cura protagonista do suceso, condeado pola Audiencia de Madrid a dous anos de cárcere por un delito continuado de abusos sexuais, non recurriu a sentenza. Só apelou a Igrexa que agora terá que pagar á vítima 30.000 euros de indemnización. Lonxe de ser un caso raro, a Igrexa sempre lle dá cobertura e chance, en todo o mundo, aos curas acusados de delitos de pedofilia e pederastia. Aínda que o caso sexa claro e, coma neste, o cura implicado non recurra, a Igrexa sempre trata de recurrir e reclamar para tratar de "salvaguardar" a súa imaxe. É lamentable que tanta xente apoie a unha institución que, a pesares de pregonar a súa integridade e boa vontade, actúa dun xeito noxento e carente de todo sentido común co tema da pederastia e tantos outros. É igual xa que, dentro de 30 ou 40 anos, pedirán perdón por este comportamento e por tantos outros (prohibición do uso do preservativo en calquera circunstancia) como xa fixeron tantas veces ao longo da súa milenaria historia (exterminio nazi ou apoio ao réxime de Franco).
Publicar un comentario