Publicado por : Adycto
28 de xuño de 2007
Son perfectamente consciente de que a opinión que vou a expresar hoxe no blog ten moitas contras e poucos pros pero, para que enganarnos, é a miña opinión. Hoxe leo na Voz que o PP dá á Xunta o seu "apoio incondicional" na loita contraincendios e que as tres forzas parlamentarias coinciden en deixar os lumes ao marxen do debate político. Durante a campaña política das pasadas eleccións municipais farteime de ler que, tanto o PSOE como o PP, coincidían en afirmar que había que deixar a política antiterrorista fora do debate político. Así, o presidente do goberno afirmaba recentemente que "proporá un pacto a Rajoy sen exclusións que saque o terrorismo do debate". Recentemente tamén podíamos ver como os principais partidos trataban de "deixar fora do debate político" os temas de corrupción urbanística argumentando que, en todos os partidos, había casos de corrupción pero que non eran máis que asuntos puntuais. Co atentado no Líbano que costou a vida a 6 soldados españois comeza a pasar un pouco o mesmo. O señor Zapatero parece non entender que o señor Rajoy, aínda que de xeito pouco adecuado ao meu entender, esté preguntando pola seguridade das tropas españolas desprazadas no estranxeiro e quera introducir no debate político a situación dos soldados españois fora do Estado. Tamén queren sacalo do debate político. Entón, eu pregúntome, se os lumes, o terrorismo, a corrupción urbanística e a situación dos soldados desprazados, entre outros, deben quedar fora do debate político: de que pensar debatir os nosos políticos? No caso concreto dos lumes paréceme incrible que se quera excluír o tema do debate político e, no caso da corrupción urbanística (proxectadas 800.000 vivendas costeiras en Galiza segundo Greenpeace) pase o mesmo. De qué teñen que falar no Hórreo que sexa máis importante que dos lumes (lembremos o verán pasado) ou da corrupción urbanística en Galiza? Non o entendo, a verdade.
Publicar un comentario