Publicado por : Adycto 10 de maio de 2007


Durante moitos anos vencellei as folgas de fame á loita dos reclusos ante unha situación de desamparo, como fórmula de protesta extrema ante unha situación insostible e como última arma de defensa contra unha violación dos dereitos humáns das persoas. A decir verdade, a miña imaxe das folgas de fame vencéllase concretamente a unha persoa, Boby Sands, e aos outros presos do IRA que no ano 1981 puxeron contras as cordas a premier británica Margaret Tatcher cunha folga de fame que rematou coa morte de dez persoas (entre elas Boby Sands). Sempre considerei que esta folga de fame fixo máis pola causa republicana irlandesa que todas as accións armadas do IRA xuntas.


Tras a folga de fame de De Juana, que rematou como todos sabemos co terrorista nun hospital de San Sebastián e con De Juana como protagonista da nova loita sen cuartel entre os dous principais partidos políticos españois, a idea que tiña do que era unha folga de fame cambiou sustancialmente pero aínda quedábame moito por ver. Hai menos dunha semana, Julián Muñoz iniciou unha folga de fame da que non deu explicación sobre os motivos que o levaron a iniciala. Tras pasar a frioleira de 6 días en folga de fame e perder nada menos que DOUS quilos de peso, Julián Muñoz decidiu abandonar a súa "loita" e voltar a comer. A miña concepción do que era unha folga de fame quedou, nese mesmo momento, trastocada para sempre.


A pesares do que eu pense, as folgas de fame están de moda en España. Hoxe mesmo, catro procesados polos atentados do 11-M, Abdelmajid Bouchar, Rabei Osman 'O Exipcio', Hassan El Haski e Youssef Belhadj declaráronse en folga de fame en protesta polo que consideran unha "inxusta" acusación da fiscalía. Durante a breve sesión de hoxe, 'O Exipcio' espuso un papel ante o cristal do habitáculo blindado, onde os procesados seguen o xuízo, anunciando a nova. Segundo fontes xurídicas do proceso, consultadas polo xornal bórico o indutor da folga foi El Haski, que leva tres semanas movilizando aos seus compañeiros nese senso.


Parece ser que as folgas de fame voltan a nosa vida dende os lonxanos 80 como o están a facer tamén os rombos, as minifaldas, as pelis de super heroes ou os gin´tonic (algunha vez marcharon?). Esperemos que sexa tan só unha moda pasaxeira e que non perdure no tempo xa que as consecuencias que podería ter unha "normalización" das folgas de fame entre a poboación reclusa pode rematar como o rosario da aurora. Esperemos que tampouco se poñan de moda actitudes como a de Berni Eccleston que, hoxe mesmo, condicionou a presencia dunha carreira de F-1 en Valencia, a partir do 2008, a que o PP gañe as eleccións na Comunidade Autónoma de Valencia e na cidade gobernada por Rita Barberá...imaxinades a Ronaldinho dicindo que se non gaña ERC (por exemplo) marcha do Barça ao Madrid?

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -