Publicado por : Adycto
18 de xaneiro de 2007
Se no seu momento homes como Castelao conseguiron que Galiza entrase, aínda que fose no último minuto, no vagón de cabeza do desenvolvemento autonómico do Estado e esto posibilitou, xunto coa labor dos políticos da transición democrática, que Galiza puidese ter un estatuto dos considerados de "primeira liña" así como a consideración de "nacionalidade histórica", hoxe, a incapacidade de chegar a acordos políticos entre os líderes dos tres partidos con representación parlamentaria en Galiza, pode tirar todo ao traste. O fracaso da reunión de onte, xunto cos esforzos que están a realizar o resto de comunidades autónomas para reformar os seus respectivos textos estatutarios, traerá como consecuencia que as comunidades que non consigan levar a cabo a reforma a tempo (goberno Zapatero) quedarán relegadas a unha segunda división na que Galiza non merece estar. Comunidades como Andalucía, que no seu momento non conseguiron entrar na primeira división do desenvolvemento autonómico, aprenderon dos seus erros e neste novo proceso estatutario apuraron os acordos para, deste xeito, tratar de situar a súa comunidade no vagón de cabeza. Outros, como Galiza, non aprendemos nunca. Qué solución temos?
A miña proposta ao respecto é que se o responsable de non chegar a acordo é o PPdG (como din o resto de partidos), o PSdeG e o BNG deben chegar a un acordo e, a continuación, levar este acordo ao Parlamento Galego. Antes de que o texto chegue ao Parlamento, o goberno deberá facer unha campaña de información á cidadanía do novo texto autonómico proposto, así como unha explicación ás claras do que supón para Galiza non reformar agora o estatuto. Tamén deberán explicarlle á xente por qué Galiza non pode ter a mesma consideración no Estado que Cataluña ou qué pasaría co Estatuto galego se Zapatero perdese as próximas eleccións estatais.
Unha vez feito isto, o goberno levará o seu novo texto estatutario ao Parlamento para a súa votación e se Feijoo e o seu partido deciden votar en contra, como parece probable, o goberno galego poderá explicarlle á cidadanía quen é o responsable de que Galiza non teña novo estatuto e "descenda" á segunda división autonómica.
Independentemente do que decidan facer os partidos, parece claro que retrasar a reforma do Estatuto pode ser "fatal" para Galiza. Ademais do retraso no proceso, un estatuto como o galego ten que reclamar para a nosa terra, sempre adaptándose as nosas peculiaridades, o mesmo que os estatutos máis avanzados competecialmente como o catalán. Por que menos?
Publicar un comentario