Publicado por : Adycto 15 de xaneiro de 2007


Durante a pasada fin de semana asistín, como convidado, á matanza do porco duns amigos da zona de Rianxo. A xornada foi moi divertida, de "comellada" en "comellada", e o espectáculo estivo protagonizado polo "matachín" da zona, un rapaz de 26 anos que foi quen de "descartullar" ao porco en menos dunha hora. Despois de ver a este home despedazar ao porco en apenas 55 minutos o primeiro que pensei foi canto tardaría en facer o mesmo cun home? Seguro que en 20 minutos esta listo. Pois eso, que pasei a fin de semana de festa e pouca atención presteille aos acontecementos políticos e sociais vividos durante estes días. Hoxe, cando me sentei no ordenata para escribir repasei, coa axuda de internet, os acontecementos da fin de semana e decidinme a escribir sobre a polémica que hai entre o Ministerio de Administracións Públicas de Jordi Sevilla e a vicepresidencia da Xunta de Galiza de Anxo Quintana.

Resulta que entre estes dous departamentos hai un polémica suscitada polo xeito no que hai que referirse ao Goberno Galego, se como "Junta" (como din en Madrid) ou Xunta, que é como sempre se falou do Goberno Galego dende que eu me lembro. Pois ben, o Executivo central argumenta que a palabra «Junta » é a que figura «no Estatuto referendado no Parlamento nacional» e así é como, ao seu xuízo, corresponde denominar por escrito á comunidade desde as instancias centrais. O Ministerio de Administracións Públicas supeditou o cambio de actitude á aprobación do novo Estatuto. É dicir que, ou cambiamos no novo Estatuto (ese que nunca chega) a denominación do goberno galego de Junta a Xunta ou nanai.

A Vicepresidencia do Goberno galego insiste, pola súa banda, na petición de esixir ao Executivo central que utilice a expresión Xunta de Galicia, cando lle remite os documentos para asinar as actas da Comisión Mixta de Transferencias, aínda pendentes polo litixio lingüístico. O departamento de Anxo Quintana pediu ao Ministerio de Administracións Públicas, nas últimas semanas, que rectifique a denominación «Junta», de acordo coa Lei Reguladora dá Xunta e do seu Presidente, e escriba con xe o nome deste órgano de Goberno. «Unha norma de ámbito autonómico non ten aplicación a nivel estatal», segundio o goberno.

É, como moitas das polémicas que xurden neste país, unha discusión absurda cando temos cousas máis importantes que tratar co goberno de ZP pero, a pesares de todo, é algo curioso. Todo o mundo en España coñece ao goberno galego como Xunta de Galiza e, aínda así, o goberno diríxese a este como Junta. Serán as cousas do directo (como di un bo amigo) ou o exceso de tempo libre por parte de algúns pero penso que hai moitísimas cousas para tratar co Ministerio de Administracións Públicas antes que esta.

One Response so far.

  1. Anónimo dí:

    que pouco entendedes os que non pasades largas tempadas en madrid¡¡¡ o importante é o que de diga e faga na capital do estado...o que pase en provincias a quen lle interesa?

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -