Publicado por : Adycto
10 de xaneiro de 2007
Hoxe imos facer un día deses de exclusivas que tanto nos gustan. A primeira exclusiva que dará hoxe Xornal Aberto ten que ver co Bloque Nacionalista Galego e a segunda coa estación de autobuses de Santiago de Compostela. Ademais das exlusivas, hoxe criticaremos a pasividade do Goberno Bipartito ante a marcha de importantes empresas moi vencelladas a Galiza a traballar a outros países. Un día completito.
A primeira exclusiva, a que ten que ver co BNG, é das boas e chegou á redacción de Xornal Aberto por un dos moitos "infiltrados" que temos en nómina e que traballan nos distintos medios de comunicación convencionais. O Bloque Nacionalista Galego presentará, nas vindeiras eleccións municipais de maio, candidatos en todos os concellos galegos. É a primeira vez na súa historia que o partido nacionalista logra presentar candidaturas en tódolos concellos e foi Xornal Aberto o primeiro medio que sacou a nova.
A segunda exclusiva, como dicía na entradiña, ten que ver coa estación de autobuses de Santiago de Compostela. Resulta que, o vindeiro venres, a dirección da Estación vai a presentar ante os medios de comunicación un remozado das cubertas que, a partir de agora, lucirán colorido primaveral. Pero esa non é a exclusiva. A nova de importancia é que, a partir deste venres, a estación de autobuses disporá de servicio wi-fi de balde nas súas instalacións co cal poderemos conectarnos a internet, de xeito gratuito, dende o vestíbulo da Estación de Autobuses (sempre e cando dispoñamos dun portatil e de sistema wi-fi).
FUGA DE EMPRESAS
Canto a prometida crítica ao Bipartito pola "fuga" de empresas que está a vivir Galiza nos últimos tempos tan só un par de apuntes. Sei que estamos nunha sociedade capitalista na que as multinacionais realizan os seus movementos atendendo a intereses meramente económicos como os custes de produccón ou os baixos salarios dos traballadores contratados pero, aínda así, é inaceptable a falta de capacidade de reacción dun goberno que permite que, en poucas horas, dúas empresas tan vencelladas a Galiza como Pescanova e Henkel (xabróns A Toxa) anuncien a súa marcha do país. Así, Vincenzo Viteli, presidente de Henkel Ibérica, e Luis Carlos Lacorte, director xeneral do área de Cosmética da empresa, confirmáronlle onte ao conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e ao alcalde cullerdense, Julio Sancristán que o peche da factoría que a multinacional Henkel -fabrica os produtos cosméticos da liña da Toxa- ten no municipio coruñés de Culleredo «é irreversible» e que a decisión «non foi repentina, senón que ten que ver coa estratexia de futuro do grupo».
No caso de Pescanova, o grupo de alimentación construirá en Portugal unha pranta de producción de rodaballo cunha extensión de 82 hectáreas e unha producción anual de ata 7.000 toneladas, o que a convertirá no maior centro destas características no mundo. A pranta xenerará, nun primeiro momento, preto de 200 empregos, que poderían ampliarse ata 350. A instalación ubicarase na localidade costeira de Mira, situada entre Oporto e Lisboa.
A decisión de Pescanova de construír a fábrica lusa prodúcese despois das discrepancias mantidas nos últimos meses coa Xunta de Galiza, tras a paralización do proxecto de construcción dunha pranta de rodaballo en Cabo Touriñán, ao ser considerado como espazo protexido pola Rede Natura. Pescanova está estudando, ademais, novos emprazamentos de granxas mariñas na costa portuguesa, grazas á acollida por parte do Goberno ao seu macroplanta de Mira, no distrito de Coimbra, na que prevé chegar a producir entre 7.000 e 10.000 toneladas de rodaballo no horizonte do ano 2010.
Señor Touriño, hai que espabilar dunha vez e atender aos problemas que afectan a Galiza como a marcha de empresas do nosos territorio. Sei que non ten unha solución máxica a este problema pero hai que tentar facer algo.
Publicar un comentario