Publicado por : Adycto 26 de decembro de 2006

O Nadal é unha desas datas do almanaque que aborrezo e, por ese motivo, durante estes pasados días non fun capaz de escribir nada neste blog de actualidade chamado Xornal Aberto. Xa superados estes días Xornal Aberto volta a estar de novo en marcha. Durante estes días pasaron cousas agradables e desagradables. Entre as desagradables hai que destacar a morte do pai dun bo amigo que me fixo pensar moito en que os meus pais son persoas maiores e, máis pronto que tarde, chegaralles a eles tamén ese momento para o que un fillo nunca está preparado. Entre as malas novas destaco tamén as cenas e comidas destes días cos familiares, a mensaxe televisada de SM, a morte de James Brown, a nova guerra en Somalia, a morte de máis xente cada día en Iraq,... Pero non todo son cousas negativas. Tamén tiven tempo estes días para estar co meu irmao e cos amigos de sempre, que por estas datas regresan a casa. Pero xa está ben de Nadal. Centrémonos na actualidade. Despois de días sen escribir podería falar de moitas cousas: da visita dun médico español a Castro (o que confirma que aínda está vivo), da carta póstuma de Pinochet, da lamentable programación das distintas cadeas de televisión durante este días, etc, etc. Sen embargo escollín como tema para falar unha nova xa un pouco pasada pero que me sorprendeu moito: o Parlamento galego, nun pleno extraordinario co que a Cámara celebrou o 25 aniversario da súa constitución, decidiu que o himno galego soase nesa particular ocasión"aflamencado".




A presidenta da Cámara, Dolores Villarino, gran afeccionada ao flamenco, preparou para esta sesión conmemorativa do medio século do Parlamento un programa no que ao galego uniuse o andaluz, a través do «linguaxe universal» da música. Así, as intervencións dos grupos parlamentarios estiveron intercaladas por interpretacións musicais do guitarrista almeriense Niño Josele (que cobrou máis de 10.000 euros polo chou). Xunto aos acordes do Niño Josele, a sesión acolleu varias pezas de Xesús Pimentel, compositor galego que se dedica á guitarra flamenca, acompañado pola voz do tamén galego Delio Domínguez. A interpretación por ambos do himno con acordes flamencos e deixe andaluz foi un dos momentos que máis sorprendeu tanto aos deputados galegos como aos numerosos invitados que, en pé, cantaron a letra do poema de Eduardo Pondal un tanto desconcertados.

Independentemente das explicacións dadas pola señora Villarino ao día seguinte nas que case calificaba de parvos aos que non entendimos nin compartimos que se "versione" o himno galego, o espectáculo foi demencial. O himno é moito máis que unha canción calquera. O himno galego é unha parte moi importante da identidade de Galiza como nación e dos galegos como pobo e non se poden facer "versións" e "interpretacións" tan a lixeira. E dende logo, moito menos, co auspicio da presidenta do Paralemento Galego. Imaxinades que esto pasara en Madrid co himno de España? Imaxinades que, por causa da "fusión", o himno español soase a ritmo de bachata (por esto da inmigración) o que pasaría no Parlamento?

Ademais, todavía queda un pregunta máis que facer: Imaxinades que isto mesmo que fixo a Villarino o fai un presidente do Parlamento Galego colocado no cargo por Fraga e non por Touriño?....É lamentable que se fagan estupideces deste tipo co himno. Se algo hai que facer co himno é obrigar a que, dunha vez por todas, deixe de "caparse" sistemáticamente e se interprete entero en todos os actos nos que debe interpretarse. Señores deputados, deixen de inventar e fagan o que teñen que facer!

Conversando

Con tecnoloxía de Blogger.

Arquivo Xornal Aberto

Busca no Blog

- Copyright © Xornal Aberto -Metrominimalist- Powered by Blogger - Designed by Johanes Djogan -