- Atrás »
- Cidade da Cultura , Galiza »
- A CIDADE DA CULTURA ABRIRÁ AS PORTAS NO 2009
Publicado por : Adycto
27 de decembro de 2006
A conselleira de Cultura da Xunta de Galiza, Ánxela Bugallo, compareceu hoxe no Parlamento para ofrecer detalles do proxecto da Cidade da Cultura que se executa no monte Gaiás, e afirmou que o actual goberno bipartito da Xunta «asumiu unha realidade tanxible» e pretende «converter o que era un problema nunha realidade». Nesta comparecencia, longamente esperada, Bugallo acusou ao anterior goberno do PP de «deixar comprometidos» neste macro-proxecto 388 millóns de euros e de carecer de contido cultural e precisou que, en contraposición, a Cidade da Cultura ten a día de hoxe un proxecto que bebe dos sectores e das institucións culturais galegas. A pesares de que, tras a intervención da conselleira, moitas cousas seguen ser estar claras neste faraónico proxecto, Bugallo anunciou, por fin, unha data de inauguración para o monstruo de Gaiás: 2009. Aínda que a conselleira tratou de explicarse o mellor posible non falou de cantos cartos máis investiranse nesta obra nin de que usos concretos terán os edificios para os cidadáns galegos. Do que si falou é de que a Cidade da Cultura estará dotada dun centro comercial. Medo me da!
Será pois en 2009 cando se inauguren catro dos edificios dos que se compón o monstruo, que finalizará a súa construción en 2012, coa apertura dos dous últimos. A conselleira, indicou ademais que no vindeiro mes de abril, tal e como estaba previsto, renovaranse as obras nos dous edificios cuxas obras foron interrompidas, e que o arquitecto Peter Eisenman traballa xa na adaptación dos espazos aos novos usos.
Canto ao modelo de xestión da Cidade da Cultura, Bugallo explicou que se está elaborando un modelo «sinxelo» e «transparente», que facilite a sustentabilidade financeira e institucional da Cidade da Cultura. «Para asegurar a solidez institucional -dixo- avanzaremos un modelo de xestión fundacional, concibindo a Cidade da Cultura como unha rede de fundacións articulada en función dos usos do complexo cultural». Unha estrutura de fundacións, coa Fundación da Cidade da Cultura como eixo central, aberta ao capital privado e á iniciativa pública, estatal e europea, «baixo o liderado da Xunta», precisou. Non era que había que escapar das Fundacións?
Sobre os usos da Cidade da Cultura, definiunos ao redor das tres unidades temáticas avanzadas onte: Centro de Documentación, Patrimonio, e Creación e Exhibición, contando con dous edificios cada un. Dous deles ocuparanos a Biblioteca Nacional e o Arquivo Nacional; outros dous o Centro de Investigación de Patrimonio e o Museo de Galicia, e para rematar crearase o Centro Internacional de Arte e o denominado Obradoiro, proxecto este último que a conselleiro explicou que xurdira do proceso participativo do sector cultural galego.
Respecto ao espazo para os nenos que albergará o recinto, a conselleira sinalou que se trata dun espazo lúdico-didáctico e de aprendizaxe da creación artística especialmente deseñado para nenos de entre 3 e 12 anos, que nace como complemento ao lecer familiar. A Cidade da Cultura contará ademais cun centro comercial cultural (manda carallo coa expresión comercial cultural) e con restaurantes, garderías, etc. TODOS os partidos políticos mostraron o seu apoio a este proxecto presentado pola conselleira (ou sexa que todos andan pringados co tema).
Publicar un comentario